Boiro acolle este martes o primeiro Encontro de Profesionais da Xestión Cultural

Este martes 27 de setembro vaise celebrar (durante toda a xornada) a primeira edición do Encontro de Profesionais da Xestión Cultural. Será no Pazo de Goiáns. A inauguración está prevista para as 9.30 horas. Participarán José Ramón Romero, alcalde de Boiro, Xurxo Couto, deputado de Cultura e Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural). O obxectivo desta cita é “propiciar o contacto entre aquelas persoas que desenvolven o seu traballo no sector”. O encontro coa co apoio do Concello e da Deputación da Coruña.

Haberá mesas redondas, obradoiros, e tamén, unha visita teatralizada ao Pazo de Goiáns.

“Na programación”, informou Carlos Lorenzo os días pasados, na presentación da xuntanza, “faremos balance destes catorce anos de asociacionismo profesional, técnicos e xestores que, alén da súa ampla traxectoria, vinculáronse moi directamente coa AGPXC na súa andaina”. É o caso de Alberto García, Pilar López, Pilar Portela e Xavier Campos, que participarán no evento.

Amais, presentaranse ferramentas lanzadas para o sector nos últimos tempos como son o Manual de Boas Prácticas na Xestión Cultural para espectáculos ao Vivo e o Manual de Artes Visuais. Ambas propostas forman parte do programa do encontro con presentacións e obradoiros prácticos.

No programa tamén están previstas intervencións de Emi Candal, da empresa Urdime, e Xaquí López, xerente do Auditorio de Galicia, que debullarán a situación do sector cultural a día de hoxe, sen esquer propostas, posíbeis solucións e exemplos inspiradores da contorna.

A xornada do 27 de setembro en Boiro inclúe como dixemos unha visita teatralizada ao Pazo por parte da compañía Os Quinquilláns.