Antón Luaces.- A fragata Almirante Juan de Borbón rematou na mañá deste xoves, 8 de setembro, a súa integración na agrupación SNMG-2 da OTAN. Ás 9 da mañá, a dotación do buque foi recibida nun dos peiraos da Estación Naval da Graña, onde agardaban, por familiares e amigos dos seus integrantes. Aquí permanece atracado o buque.
A fragata F-102 Almirante Juan de Borbón continuará ata nova orde no Arsenal Militar da antiga Cidade Departamental, onde realizará tarefas de mantemento.
Durante o seu despregamento en augas do Mediterráneo central e oriental, a fragata española visitou os portos de Catania (Italia), Aksaz (Turquía), Souda (Grecia) e Alexandría (Exipto) para realizar labores loxísticos e de representación. Tamén para levar a cabo exercicios con unidades doutras armadas como a US NAVY e a de Exipto, motivos estes polos que percorreu máis d 12.000 millas. Formou parte ademais da misión UJTF-M, de alta disponibilidade da OTAN, activado como consecuencia do conflito en Ucraína. Entre as súas misións figuran a presenza naval, vixilancia marítima e amosar a interoperabilidade entre as diferentes armadas da alianza atlántica como medio principal de disuasión.
Esta fragata española permanecerá atracada -como xa se dixo- durante os vindeiros meses no Arsenal Militar de Ferrol. Comezará aquí o seu período de inmobilización programado para acometer os mantementos previstos.
A fragata Almirante Juan de Borbón é o segundo buque da clase F-100 de fragatas españolas de defensa aérea que entrou en servizo no ano 2003. Foi construído nos estaleiros IZAR (Navantia) de Ferrol e pertence á clase Alvaro de Bazán. Ten unha eslora de 146,7 metros, manga de 18,6 e calado de 4,75 m. Despraza 5.800 toneladas a carga completa e a súa velocidade é de 28,5 nós (uns 52 quilómetros por hora). O custo de construción foi de 600 millóns de euros e ten unha tripulación de 250 mariños, r48 deles oficiais.
A comarca do Barbanza sempre estivo moi vinculada á Armada Española, especialmente durante o período de cumprimento do servizo militar obrigatorio debido a que dispoñer da libreta de embarque era requisito indispensable para que a xente moza puidera embarcarse tanto na pesca de baixura como na mariña mercante.