As xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo festexaron e reivindicaron o patrimonio local

12 Setembro 2022

A Pobra do Caramiñal reivindicou e reconstruíu o seu pasado mediante unha nova edición de A Pobra do Caramiñal no Tempo. Púxose o foco nas necrópoles, no patrimonio relixioso, na Guerra da Independencia e na industria da enerxía eléctrica.

Visita á Igrexa de Santiago do Deán

A cita arrancou no 10 de setembro no Teatro Cine Elma coa parte teórica que foi introducida por representantes do Concello. En palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), o dito programa é un exemplo da aposta da Administración local para “a democratización do coñecemento” e, en concreto, esta acción permite “activar, en sentido figurado, unha máquina do tempo a través da cal coñecer o pasado para poder entender un pouco máis e mellor o noso presente.” Nesta mesma liña interveu o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen apuntou que contribúe a “coñecer a historia da Pobra, descubrir os seus segredos e misterios”.

Laura Blanco Torrejón iniciou a quenda de relatorios con As necrópoles tardoantigas e altomedievais da Pobra do Caramiñal e do Barbanza, que abrangueu a arqueoloxía da morte en Galicia entre os séculos IV e X. Indicou que o mundo funerario vai moito máis alá do que se adoita concibir, pois “as tumbas tamén contan as crenzas, a identidade, a concepción da morte, a interacción con outras comunidades ou, incluso, coa paisaxe que a rodea.” No caso concreto do Barbanza, fixo un repaso polas sepulturas do Pomar e Quintáns (A Pobra do Caramiñal), a necrópole de Rianxo e o sartego de San Xián (Ribeira).

A intervención de Begoña Fernández Rodríguez

Deseguido, o relatorio Memorias perdidas e linguaxes esquecidas: a capela de Alba da igrexa de Santiago do Deán correu a cargo de Begoña Fernández Rodríguez, quen manifestou que, con relación á temática da anterior conferencia, a dita capela “faise como un lugar de enterramento para alguén que definitivamente decide non enterrarse nela. Pero é o seu proxecto funerario e o proxecto funerario para os seus descendentes. É perpetua-la súa memoria na igrexa de Santiago do Deán.” Deste xeito, sinalou Fernańdez Rodríguez,Juan Domínguez de Viance e a súa esposa Constanza Domínguez fundaron a capela dedicada ao Bo Cristo, tamén coñecida como Capela de Alba, denominación que lle outorgou a veciñanza. Existen, polo tanto, dúas fases na súa construción: o establecemento dun padroado de Legos (1572) e a concordia de 1576 entre o Concello e o interesado.

Visita aos sartegos de Pomar

Tras unha breve pausa, os coloquios retomáronse con Manuel Gago Mariño e As rías galegas e A Pobra do Caramiñal na Guerra da Independencia, onde expuxo como O Barbanza se converteu nun escenario militar. De feito, relatou, no 7 de maio de 1809 chega por mar un gran número de soldados ao convento de Santo Antonio, o cal converteu A Pobra no centro loxístico e no nodo estratéxico do levantamento contra os franceses. Catro días despois confírmase o avance dunha columna francesa en dirección ao municipio e lánzase unha manobra de distracción dirixida por frei Pedro Romero. Entón os franceses recúan na Escravitude e volven a Santiago. Mariño Gago tratou tamén as alarmas, unha especie de corpo da milicia civil mobilizada por se regresaban os franceses, pero a quen tamén se lle atribuían outras funcións, e que se constituíu no Deán liderada por Ramón Saco Taboada (1812).

Visita á Igrexa de Santiago do Deán

A xornada concluíu con Eléctricas no Barbanza. Das primeiras iniciativas ao imperio Fenosa, da man de Xoán Carmona Badía. Dous elementos importantes para entender o espallamento desta industria son a aplicación da electricidade como un grande avance tecnolóxico e símbolo de progreso e poder, así como que a súa transmisión só era posible a distancias moi curtas. Polo tanto, as centrais foron ao principio moi pequenas e de carácter local. En 1898 Prudencio Otero Sánchez solicita a concesión para aproveitar a enerxía do río das Pedras con destino á subministración pública de electricidade á Pobra e Ribeira e a un serradoiro, e ao seguinte comeza coa extensión da electricidade. Aínda que os documentos estaban a nome de Prudencio Otero, o responsable da instalación foi realmente o marqués de Riestra.

O relatorio de Manuel Gago

Nas xornadas fíxose entrega, ás persoas asistentes do póster Os sartegos do Pomar, obra do arqueólogo e ilustrador José Ramón Almeida.

Os coñecementos adquiridos leváronse ao terreo no día 11 coa visita aos sartegos do Pomar e á capela da Alba.

As charlas tamén se poden reproducir na canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...