O escritor limiao afincando na nosa comarca Antón Riveiro Coello (autor dalgunhas das máis destacadas novelas das letras galegas das últimas décadas) vai achegar un obradoiro literario para facilitar o camiño da literatura aos nosos novos talentos. En concreto, o obxectivo do taller Iniciación á escrita creativa: A construción das sombras é introducir aos asistentes nas técnicas de narración e na creación dun conto ou narración individual e colectivo.

O obradoiro, dirixido a maiores de 15 anos e cunha duración de 20 horas, contará co apoio de Berta Dávila como escritora convidada.

Desenvolverase no Centro Sociocultural-Auditorio (aulas do primeiro andar) en horario de 11:00 a 13:00, os sábados 15, 22 e 29 de outubro; 5, 12, 19 e 26 de novembro e 3, 10 e 17 de decembro. Establecerase un máximo de 15 participantes. Trátase dunha actividade organizada polo Concello en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua galega (AELG). As inscricións cómpre facelas a través da web municipal (até o 6 de outubro).
