Ana Pontón propón unha fronte común para defendela frota galega. A decisión de Bruxelas de prohibir a pesca de fondo pon en risco centos de empregos

19 Setembro 2022

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón unha fronte común para defender en Bruxelas á frota galega fronte ao “mazazo” que supón para o sector a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo en 87 áreas da plataforma continental, unha decisión que cualificou de “arbitraria” que non ten en conta o impacto socioeconómico e que, segundo recalcou, pon en risco “centos e centos de empregos” en Galiza.

Así mesmo, advertiu, que a prohibición comunitaria “elimina da cesta da compra” toneladas de peixe no medio da maior crise de prezos dos últimos anos, o que provoca un novo incremento de prezos e, polo tanto, que as familias “que xa non podían mercar peixe, se se aplica este regulamento, aínda o van ter máis difícil”. “Isto o que vai provocar é un incremento dos prezos ou ben camiñar cara a unha maior importación, cando sabemos que moito do peixe que se importa doutras latitudes como China non ten nin os controis medioambientais, nin os requisitos dende o punto de vista sanitaria que ten o peixe que están pescando os barcos galegos”, incidiu.

Pontón realizou estas declaracións logo da reunión que mantivo coa directiva da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) para analizar o impacto dunha decisión que, segundo subliñou, se toma de xeito arbitrario, sobre informes desactualizados e que mesmo nin analizan o impacto real dalgunha arte concreta como, por exemplo, a do palangre de fondo. Logo de incidir en que a propia Comisión Europea recoñece que se tivera informes máis precisos a decisión podería ser outra, advertiu que “non se poden tomar decisións con esta frivolidade cando o que está en xogo é o pan de centos de familias neste País e un sector económico que é estratéxico para os galegos e as galegas”.

Neste contexto, e xunto á necesidade de exercer toda a “presión política” nunha fronte común da que formen parte Goberno estatal, resto de institucións, formacións políticas e sector, urxiu ao Executivo central a presentar de maneira inmediata un recurso para paralizar o decreto comunitario. Ao seu xuízo, cómpre a urxente presentación deste recurso para frear unha decisión que atenta contra os intereses do sector pesqueiro galego e, neste sentido, avanzou que que o BNG solicitará tamén a comparecencia da conselleira de Pesca no Parlamento galego e a do ministro do ramo no Congreso, así como a do comisario europeo de Pesca, con que xa ten solicitada unha reunión a eurodeputada Ana Miranda, quen tamén participou na reunión con ARVI, xunto co portavoz municipal de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada por Vigo, Carmela González.

A líder nacionalista recordou que non é a primeira vez que se toman en Europa “decisións deste tipo e que logo teñen que rectificar” porque non teñen fundamento nin desde o punto de vista económico, nin desde o científico e medioambiental e, neste sentido, puxo en valor o esforzo de adaptación realizado polo sector para acadar a sustentabilidade. “Ten que haber sustentabilidade na xestión dos recursos, pero non unha arbitrariedade que supoña eliminar un sector económico fundamental no noso País”, concluíu.

Ana Pontón propón unha fronte común para defender á frota galega fronte a unha “decisión arbitraria” e urxe ao Goberno central a presentar un recurso

Outros artigos

O BNG rexeita que a ría de Arousa acolla vertidos de dragaxes

Néstor Rego reclama ao Goberno rexeitar a posibilidade de que as rías galegas sexan puntos de depósito de materiais de dragaxes e exixe realizar un estudo para avaliar o impacto dos sedimentos. O Bloque Nacionalista Gallego acaba de rexistrar iniciativas nas Cortes do...

+

Carnota acolle até o domingo o XII Víndemo Ver Mercado da Deputación

A feira Víndemo Ver Mercado da Deputación chega estes días (até o domingo 20 de abril) á súa décimo segunda edición, logo da apertura de portas deste xoves 17 de abril na praza de San Gregorio. Produtos locais da horta, artesanía e gastronomía conforman o Mercado da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

España ten moito que mellorar na loita contra a corrupción. O Grupo de Estadoscontra a Corrupción do Consello de Europa (GRECO) publicou dous informes deseguimento que avalían o cumprimento por parte de España das súasrecomendacións para previr a corrupción. O “GRECO”...