Amicos pecha o seu proxecto RE-MAR III con grandes e importantes resultados de inclusión social e defensa ambiental

28 Setembro 2022

A Asociación Amicos celebrou este martes 27 de setembro, no Centro Social de Cabo de Cruz, a xornada de peche do proxecto RE-MAR III. O acto estivo guiado por Yassim el Amrry, en representación das persoas que forman Amicos e os axentes medioambientais.

A xornada comezou coa benvida por parte de Javier Remiro, coordinador da Fundación Biodiversidade, que quixo aproveitar a ocasión para desculparse por non poder asistir de forma presencial, pero destacou “o gran labor de todo os axentes implicados durante o período de execución do proxecto RE-MAR”. Remiro, coa ollada posta no futuro, trasladou “unha mensaxe de apoio” e adiantou a creación de novas axudas. Tamén animou aos asistentes a seguir impulsando novos proxectos.

Os axentes medioambientais Manuel Prado, Adriana Miguens e Alfonso Pérez, trala a finalización das actividades de limpeza e sensibilización marcadas dentro do proxecto e en colaboración con confrarías de pescadores, colexios, administracións públicas con competencias en materia de conservación do medio ambiente e do patrimonio marítimo, empresas recreativas entre outras, explicaron os resultados do proxecto, comparáronnos con REMAR I e II e quixeron deixar claro os novos desafíos que esperan de cara o futuro.

A continuación, proxectouse un vídeo coa exposición dos resultados do proxecto Re-MAR III.

A xornada tamén acolleu unha explicación sobre as oportunidades ligadas á economía azul. Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, mostrouse entusiasmada co proxecto RE-MAR e explicou que “o mar non asume todo o lixo que botamos, iniciativas como a vosa e outras parecidas son moi importantes para o coidado dos nosos mares”.

No acto tamén participou José Antonio Fernández, directora do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas; que destacou a importancia do proxecto: “Nós dende o parque seguiremos apoiando este proxecto xa que se non coidamos do azul, non coidamos do verde, e quen mellor pode facer isto, son eles”.

Tamén estiveron presentes, David Nova, director do CEIP Pluriligüe de Artes que recalcou “a importancia de educar en sustentabilidade e inclusión”, Paula Barreiro, bióloga da Confraría de Pescadores da Pastoriza, que amosou as súas experiencias en contaminación dos océanos, e Alexander Sebastián, representante da empresa Grip Surf School, que relatou o impacto do lixo mariño nos mares e océanos.

Na xornada tamén estiveron presentes o 2º tenente alcalde de Ribeira, Emilio Pérez Outeiral; os patróns das confrarías de Vilanova, A Illa, Vilagarcía, Porto do Son, Portosín, Aguiño, A Pobra e Rianxo; o director xeral de Amicos, Xoan España e, por último, distintos axentes, mariscadores/as, bateeiros, clubs náuticos, colexios e empresas do sector pesqueiro.

Tamén se realizou a entrega dos recoñecementos Buque Azul do programa RE-MAR III ás distintas confrarías e donos de embarcacións que participaron.

A xornada finalizou cun aperitivo servido polo equipo Ñam Ñam de Amicos na Lonxa do Cabo de Cruz.

RE-MAR é un proxecto impulsado pola Asociación Amicos coa colaboración da Fundación Biodiversidade , do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, a través do Programa Preamar, co-financiado pola FEMP. Este proxecto é complementario ao proxecto LIFEIP Intermares.

Máis datos (balance)

Durante a execución de RE-MAR III, leváronse a cabo 5 pílulas formativas relacionadas co mar, nas que se formaron 110 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

En portos deportivos, praias e centros educativos realizáronse máis de 50 accións de sensibilización coas que se conseguiu concienciar a máis de 5000 persoas.

Nas accións de limpeza realizadas participaron máis de 500 escolares, 120 traballadores do mar e 80 voluntarios de empresas, e logrouse retirar máis de 1 tonelada de lixo.

Os activistas ambientais de Amicos realizaron 34 limpezas, 2 delas en caiac e outras 2 de fondos mariños con mergulladores.


Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.