A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración da I edición da Feira Gastromar, iniciativa impulsada pola Asociación de Empresarios de Ribeira para promocionar os produtos do mar capturados pola frota local. Alí destacou o potencial deste evento para poñer en valor os produtos do mar de Galicia e dar a coñecer os seus beneficios nutricionais a través da gastronomía, así como impulsar a súa demanda e os seus prezos.
Este evento, no que participan outras entidades da zona vencelladas co sector marítimo-pesqueiro e que conta co apoio da Xunta de Galicia, busca difundir os produtos do mar capturados pola frota local como o xurelo, a xarda, o lirio, a sardiña, o polbo, o choco, o congro, o mexillón, a navalla ou a ameixa. Ao mesmo tempo, tamén ten como fin promocionar a cociña local. Con ese obxectivo, esta feira, que se celebra desde hoxe ata o luns, día incluído, ten programados diferentes obradoiros, demostracións e degustacións de receitas elaboradas con peixes e mariscos e que inclúe tamén a participación de foodtrucks.