A Xunta de Galicia recorrerá ante o Tribunal Supremo a reforma do regulamento de Costas para manter a actividade económica e garantir o emprego no litoral

A Xunta de Galicia recorrerá ante o Tribunal Supremo a reforma do regulamento de Costas para manter a actividade económica e garantir o emprego no litoral, tal e como lle trasladaron esta tarde as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, a representantes da cadea mar-industria.
Durante o encontro, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reiterou que o novo regulamento reforza a intención do Goberno central de expulsar do litoral toda presenza social e económica sen xustificación técnica algunha, tal e como confirma o feito de que elimine a posibilidade de prórroga extraordinaria de todas as concesións de actividades económicas e que establece unha duración máxima de 30 anos para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre (DPMT).
Nesta liña, as conselleiras confirmaron a presentación dun recurso para frear o ataque do Goberno central contra as instalacións no litoral, dado o escenario preocupante que xera esta nova normativa, aínda máis restritiva que a modificación da duración das concesións introducidas pola Lei de Cambio Climático. A isto hai que engadir que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico respondeu ás alegacións presentadas pola Xunta a este regulamento de xeito xenérico, pouco claro e caendo en contradicións.
Pola súa, a conselleira do Mar advertiu de que a nova normativa de Costas vai acabar afectando, tarde ou cedo, a todas as empresas do complexo mar-industria de Galicia asentadas en terreos de DPMT no momento en que teñan que renovar as súas concesións e se topen cos prazos máis curtos establecidos polo Goberno central e coas súas maiores exixencias co obxectivo de retirar calquera vestixio de presenza humana do litoral.
Rosa Quintana lembrou que nos últimos meses xa houbo casos de dificultades de empresas asentadas na costa que sufriron trabas para a renovación das súas concesións malia non estar en vigor a modificación do regulamento de costas, polo que agora se pode complicar aínda máis a situación. Estes casos, subliñou, van volver repetirse segundo as distintas autorizacións se vaian esgotando e os seus propietarios teñan que enfrontarse á nova normativa, moito máis restritiva. “Podemos ver un ‘efecto cascada’, coa aparición de casos semellantes un detrás doutro”, expuxo a titular de Mar.
A representante da Xunta lamentou os ataques constantes e inxustificados do Goberno central contra a cadea mar-industria de Galicia e reprobou que nas medidas que adopta non teña en conta o dano que poden causar ao sector e ao conxunto da comunidade, tanto desde o punto de vista económico como desde o social. Por iso, insistiu en que a Xunta debería ter as competencias para a xestión do dominio público marítimo-terrestre galego pois é quen mellor coñece as distintas actividades que se desenvolven na súa costa e as súas especificidades.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniranse con representantes do sector mar-industria. Na sala de xuntas. foto xoán crespo