“A pesca de fondo que a CE tenta prohibir non conta con informes abondo que avalíen tal decisión” – Antón Luaces

O Gran Sol é unha das zonas especialmente afectadas pola proposta de prohibición da pesca de arrastre na áreas mariñas protexidas e o futuro desta pesca estás nas mans dos científicos, en base aos seus informes, pero non os do propio sector pesqueiro. Deberá ser, sen embargo, a Comisión Europea (CE) a que decida finalmente a regulación que significaría o veto a esa pescas de fondo nun total de 92 áreas de augas comunitarias, 13 delas reservas mariñas de interese pesqueiro de España, algunhas destas localizadas nas da Comunidade Autónoma galega.

A dos Gran Sol é unha das áreas máis significativamente afectadas por esta proposta de prohibición, como lembra o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia quen, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta ante a Mesa unha proposición non de lei para o seu debate no Pleno, lembrando que o Regulamento de Política Pesqueira Común contempla a posibilidade de prohibir a pesca en determinados lugares especialmente sensibles de augas profundas e que, como grupo parlamentario, levan tempo incidindo no risco que estamos a correr pola demonización que se estaba a facer por parte das institucións comunitarias , sobre as artes de arrastre de fondo na pesca “e que resultaba preciso reaccionar tanto por parte das administracións como do propio sector pesqueiro, ante as propostas restritivas que se estaban a redactar en Europa”.

A C omisión Europea fixo público que está a examinar se continúa adiante coa adopción dun regulamento para prohibir a pesca de fondo en zonas vulnerables que, como xa se dixo, afectarían a 94 áreas de augas comunitarias do Atlántico Nororiental despois de que na recente votación da Conferencia dos Océanos non se acadara a maioría necesaria para sacar esta votación adiante.

O Goberno de España, á vista do prexudicial e lesivo que resulta tal Regulamento para os intereses da frota española, e nomeadamente, para a frota galega que faena no Gran Sol, trasladou á Comisión Europea a necesidade de dispoñer dun segundo informe científico que sirva para contrastar información e, consonte a el, poder sentar a negociar para saber exactamente onde hai que protexer. Pero a CE semella querer seguir cara adiante sen necesidade de pedir novos informes.

Tampouco a CE consulta o asunto co sector, como tampouco o fai cos Estados Membros. Por este motivo, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia insta á Xunta a que se dirixa á CE para amosarlle o seu rexeitamento á proposta de prohibición total de pesca con artes de fondo nas zonas marítimas sensibles e solicitarlle novos informes científicos que contrasten a información e sirvan para adoptar decisións xustas.