“A Mercé”.  Antonio González Millán

25 Setembro 2022

Festividade oportuna para lembrar retallos da historia da antiga capela e casa priorado de Nsa. Sra. da Mercé, logo da desamortización de bens eclesiásticos expropiada e subastada polo estado para financiar a débeda nacional, cando pasa a ser propiedade do gobernador da provincia Juan José Llamas.

Da primeira ermida, erixida na alborada da Idade Moderna, subsistían obras como a talla da Virxe da Leite ou a labra do Trono de Graza. Dúas devocións moi populares na área galego – portuguesa posteriormente cuestionadas polo dogmático Concilio de Trento. Por estilo pezas datables no século XV se non anteriores. Destruida a unha e expoliada a outra.

Do antigo priorado bieito, adscrito ao Real Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, a etapa dunha próspera feira campesina de ámbito comarcal, conserva tres relevos: o cadro da Virxe do Socorro, garrote en man, amparando do demo ao Meniño e a unha almiña (fronte da capela); un mediano escudo cos blasóns propios da abadía de San Martiño Pinario á que pertencía (dentro da capela); e un grande escudo de deseño Barroco cos blasóns, lidos de arriba abaixo e de esquerda a dereita: 1°- Reino de León, 2°- Reino de Castela, 3°- Abadía de San Martiño Pinario e 4°- Real

Congregación de Valladolid, que era o órgano de goberno da Orde Benedictina en Galicia (fachada do casal). Pezas do século XVIII.

Un século anterior era o fermoso retablo de fina talla dourada, datado no ano de 1697, coas imaxes da Virxe da Leite xa citada, o patriarca san Xosé e o Apóstolo san Pedro, exhibindo no ático un altorelevo que representaba á Virxe da Mercé protexendo coa súa capa a un grupo de devotos dispostos nos flancos da súa figura. Mobiliario litúrxico infelizmente destruido.

Entre outras cousas extraordinarias este monumento garda directa relación cun artista de fama e prestixio internacional. 1915 e 1916 son os anos en que o matrimonio Ramón del Valle-Inclán e Josefina Blanco Tejerina alugan e restauran o Casal da Mercé, é dicir, o pazo e a súa finca. Aquí reside a súa familia ata maio de 1921 e, sorpresa, seguirán administrando estas terras ata 1925. No vello campo da feira pousa para retratos en fotografías e pinturas. Aquí foi onde nacen os seus fillos Carlos Luis Baltasar, I Marqués de Bradomín (1981) e María de la Encarnación Beatriz Baltasara, popularmente alcumada “Mariquiña”, sepultada no cemiterio parroquial de Santo Isidro de Posmarcos.

Cantos estudamos o ronsel biográfico e literario valleinclaniano coincidimos en que este lugar foi o absoluto “locus amoenus” do escritor e este periodo pobrense o máis fértil e cualificado da súa ampla producción artística. Os títulos aos que debe lectores e estudos na literatura mundial foron escritos neste intre: “Divinas palabras. Traxicomedia de aldea”, “Luces de bohemia. Esperpento”, “Los cuernos de Don Friolera”, etcétera.

A tantos progresos puxo fin o incendio xeral que arruinou o conxunto un 9 de maio de 1983. En setembro de 2022, case 40 anos despóis, a gran vergoña dun maltrato continuado que nos asombra segue igual. A Mercé sofre de falla de aprecio. || O desinterese das administracións por ser garantes das leis, o choque de opostos competenciais entre os departamentos de patrimonio e costas para resolver permisos e solucionar as dificultades postas aos seus propietarios para restaurarlo, o politiqueo de Tirios e Troianos que só se “lembran” desta vergoña de 4 en 4 anos -cando asoma un periodo electoral- para logo esquecerse de xestionar unha solución válida… ameazan con que, como pobo e como cidadáns, perdamos por inacción e por falla de compromiso este ben patrimonial senlleiro, irrepetible, da nosa identidade colectiva. E que moi ao noso pesar ofrezamos tan lamentable “tarxeta de visita” como localidade e como país.

APROVEITO para SOLICITAR de novo a COLABORACIÓN CIDADÁ. Veredes que xunto a esta reflexión ofrezo varias das imaxes do libro que dediquei a este monumento en 1997. Entre elas grandes obras destruidas polo lume (retablo) ou expoliadas e inda non recuperadas (imaxe pétrea do Trono de Graza). || Tendo en preparación unha nova publicación actualizada sería de interese localizar outras fotografías (de bautizos, comunións, bodas… que permitan ver detalles) daquel retablo para intentar unha recreación exacta do seu alzado. || Podedes contactar conmigo por privado ou Messenger. GRAZAS anticipadas.

Outros artigos

“Legislatura serena y estable”. José Castro López

El inicio de la duodécima legislatura en el Parlamento gallego reconcilia con la política,al menos por unos días. Sin entrar en los detalles de la liturgia protocolaria del acto, haydos imágenes relevantes que captaron las cámaras y publicaron los medios impresos...

+

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

+

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...

+

El voto del BNG avala a Maduro”. José Castro López

El pasado día 17 el presidente venezolano, Nicolás Maduro, fue proclamado candidatodel chavismo para las elecciones de julio. Tres días después la Alta Comisionada de lasNaciones Unidas para los Derechos Humanos pedía un proceso electoral “transparente,inclusivo y...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...