
A escritora María Rosa Lojo, arxentina con raíces en Boiro, ingresará este mércores 28 de setembro na Real Academia Galega como membro de honra. No acto de ingreso pronunciará o discurso titulado ‘Unha galega filla en Buenos Aires’ nunha sesión extraordinaria que se celebrará a partir das 19:30 horas no salón de actos da institución, na Coruña. O presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, será o encargado de dar resposta.
A Real Academia xa nomeara membro de honra a Lojo a finais de decembro de 2019, pero debido á pandemia, o seu ingreso tivo que aprazarse ata a data actual.
A RAG destacou nun comunicado que a académica electa conta cunha destacada traxectoria tanto como experta en literatura como autora dunha destacada obra creativa que a converteu en “unha das escritoras arxentinas máis interancionales”.
A Real Academia Galega puxo así mesmo en valor que a súa voz está “profundamente vinculada a Galicia”, pois é filla de pai galego e nai castelá, e que a emigración e o exilio son constantes nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como “imprescindible elemento fundado da súa nacionalidade”.
María Rosa Lojo é doutora en Letras pola Universidade de Buenos Aires e foi investigadora principal do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina (Conicet) e na actualidade é tamén directora académica do Centro de Edicións Estudos Críticos de Literatura Arxentina na Facultade de Filosofía, Letras e Estudos Orientais da Universidade do Salvador, en Buenos Aires. Desde o ano 2015 é tamén membro correspondente da Academia Norteamericana da Lingua Española e desde 2017 pertence ao consello de administración da Fundación Sur.
A obra literaria de Lojo foi traducida a diferentes idiomas e recibiu galardóns como o Premio de Poesía da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires (1984), o do Instituto Literaruo e Cultural Hispánico de California (1999), o Premio á traxectoria en Literatura da asociación Artistas Premiados Arxentinos ou o Gran Premio de Honra 2018 da Sociedade Arxentina de Escritores, un premio que recibiu por primeira vez en 1944 o escritor Jorge Luís Borges.
A Real Academia destacou tamén que a autora recoñece a influencia que exerceron na súa literatura as lecturas de autores galegos como Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro.
O acto de ingreso de María Rosa Lojo na Real Academia Galega será aberto ao público ata completar a capacidade da sala, aínda que poderá tamén seguirse en directo desde a páxina web da RAG, www.academia.gal.