A Deputación reivindica nunha campaña a gastronomía de calidade e sustentábel: A provincia que sabe

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, presentou este martes 27 de setembro a campaña coa que a Deputación da Coruña, a través do seu departamento provincial de Turismo, promoverá, reivindicará e visualizará os nosos produtos agroalimentarios e a gastronomía de calidade e con parámetros de sustentabilidade. Trátase da campaña A provincia que sabe.

A presentación, que tivo lugar no marco do Galicia Fórum Gastronómico, contou coa presenza de representantes dos xeodestinos da provincia, de alcaldes e concelleiros e concelleiras de gobernos municipais, de persoal técnico de turismo dos concellos, de profesionais da restauración, da distribución e produtores e produtoras.

A provincia que sabe, segundo indicou Regueira, parte dun lema xa coñecido no ámbito do promoción gastronómica para aproveitar unha idea xa instalada no imaxinario colectivo (saber + sabor) e “utilizala con intelixencia para que cada vez que se fale de produto galego que sabe, de xeito instantáneo se identifique coa provincia da Coruña e coa excelencia, tanto dos nosos produtos como do bo facer dos cociñeiros e cociñeiras”.

Regueira explicou que “non imos inventar nada que colida ou interfira noutras marcas xa consolidadas nos xeodestinos, “todo o contrario”, o “que se pretende e darlles maior relevancia, e polo tanto, poderán solicitar a súa participación as empresas que estean radicadas na provincia da Coruña, que conten con centros de produción no territorio provincial ou que transformen o produto na provincia e que pertenzan a algún selo de calidade”.

Así, a campaña servirá de “paraugas” a produto existente nos xeodestinos da provincia e que estea avalado polos seus entes de xestión; produtos ou establecementos que conten con algún certificado de calidade homologado como as Q de calidade ou semellantes; produtos que estean seleccionados por normas de calidade doutras administracións tipo Galicia Calidade; así como produtos que pertenzan aos ámbitos das Indicacións Xeográficas Protexidas ou Denominacións de Orixe. Tamén amparará empresas non incluídas nos anteriores apartados que conten cunha solicitude avalada polo xeodestino xustificando o seu compromiso coa sustentabilidade e co desenvolvemento do territorio.

Para a difusión da marca, a Deputación aportará ás empresas o material necesario para identificar correctamente o produto no marco da campaña.

A institución tamén proporcionará aos entes de xestión beneficiarios da liña de axudas de mellora da calidade e competitividade da Deputación os materiais para incluír a marca en todas as campañas promocionais que figuren nos programas obxecto de subvención A provincia que sabe.