A Asociación de Amas de Casa de Ribeira promove a celebración dunha andaina solidaria a beneficio de AGAPREM, Asociación Galega de Familias de Nenos Prematuros. Farao o vindeiro 2 outubro coa colaboración de numerosos negocios e do Concello de Ribeira.

A iniciativa, que celebra a súa terceira edición despois dunha pausa por mor da pandemia, foi presentada na mañá deste 21 de setembro nun acto que contou coa participación das representantes de Amas de Casa Puri Cores, María Jesús Pérez e Sofía Pego (esta última tamén membro de AGAPREM), do director técnico da andaina Fran Romay e da tenente de alcalde de Ribeira María Sampedro.
A actividade arrancará ás 10.30 da praza do Concello e a día de hoxe xa conta cun cento de persoas inscritas. Quen queira participar pode facelo anotándose no correo electrónico amasdecasaderiveira@gmail.com, por wWhatsapp no 653 333 124 ou contactando coa organización a través das súas contas de Instagram e Facebook. Incluso se poderá anotarse o mesmo día da proba antes da saída, a partir das 9.30 da mañá.
Castro da Cidá
Fran Romay explicou que o percorrido, moi sinxelo de facer, descorrerá ata o Castro da Cidá, contando cunha distancia total de oito quilómetros.
As persoas que se desexen sumar poderán aportar as súas doazóns, que irán destinadas a AGAPREM. Sofía Pego, como integrante tanto desta asociación como da entidade promotora, destacou a necesidade de “visualizar un tema bastante descoñecido pola sociedade como é o dos nenos e nenas prematuras, que precisan de moito apoio, especialmente nos dous primeiros anos de vida”.
María Sampedro loou esta iniciativa que con esta terceira edición consolídase dentro do calendario de eventos do municipio e animou a que a veciñanza tome parte na mesma. Ademais, adiantou que xa se está a planificar que a andaina do ano poida levarse a cabo a través da senda turístico-fluvial do río Pedrín que se está creando nestes momentos.