Un roteiro teatralizado pola Pobra, pechou as homenaxes a García Martí promovidas pola Asociación de Periodistas de Santiago

27 Agosto 2022
Actos de homenaxe ao xornalista Victoriano García Martí, socio insigne dos primeiros anos da Asociación de Prensa de Santiago de Compostela, na Pobra do Caramiñal. Foto APSC

Os actos reivindicativos da figura e do legado de Victoriano García Martí, un dos grandes referentes xornalísticos, literarios e culturais da Pobra (de onde era natural e tiña residencia) e da nosa comarca, seguen activos este verán. García Martí, fillo predilecto da vila do Caramiñal, protagonizou este sábado un roteiro teatralizado pola Pobra guiado polo actor Roberto Leal, ataviado como o intelectual, e a profesora
Arantxa Fuentes, especializada na vida e obra do escritor e xornalista

Esta actividade pechou os actos de homenaxe ao escritor e xornalista promovidos pola Asociación de Periodistas de Santiago en colaboración co Concello, co apoio da Administración local pobrense e de diversas entidades coma o Ateneo de Santiago.

O roteiro teatralizado percorreu lugares do núcleo urbano do municipio vinculados á súa traxectoria vital e profesional, percorrido que se efectuou tras unha recepción institucional ás persoas asociadas á sociedade xornalística. Aberto a todo o público, os puntos neurálxicos desta ruta lúdico-didáctica
foron a praza da Constitución, a carón do consistorio; a praza Victoriano García Martí, onde tamén se procedeu cunha ofrenda floral; o exterior do Museo Valle-Inclán; e a fachada da súa antiga casa situada nos Areos. As persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer espazos relacionados coa súa traxectoria vital e profesional para ter un mellor coñecemento sobre este ilustre veciño.

O compromiso da Administración local para contribuír ao recoñecemento e coñecemento deste referente cultural, fillo predilecto da localidade, foi o aspecto no que centrou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG- PSOE), a súa intervención. Destacou algunhas das iniciativas municipais postas en marcha coma, por exemplo, o Ciclo Victoriano García Martí, que acadará neste ano a súa cuarta edición, ou a reedición de algunhas das súas obras como Don Severo Carballo. Del alma gallega (1917) ou La tragedia del caballero de Santiago (1925). “Pero aínda quedan tarefas pendentes. Gustaríame dicir que o goberno municipal ten a intención de continuar saldando esa débeda, que a asumimos gustosamente, e que
confiamos en que os froitos xa se están vendo.” E tamén tivo palabras de agradecemento para a familia Bermejo Rubio, depositaria do fondo documental, bibliográfico e fotográfico de Victoriano no Museo Valle- Inclán.
A estas cuestións tamén se referiu o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen ratificou o apoio da Administración local para a posta en valor e divulgación do legado, pois “é a mellor homenaxe que se lle pode dar a unha persoa que escribe, dar novamente a ler as súas obras”.

Doutra banda, o presidente da referida institución xornalística, Luis Menéndez, manifestou que “para os xornalistas é importante coñecer unha figura descoñecida por moitas razóns.” Enxalzou que era “moderno, progresista e cun espírito profético”, ademais de impulsar o primeiro
Congreso de Xornalistas de Galicia celebrado en Santiago, en 1921.
Neste senso tamén se pronunciou Arantxa Fuentes, quen se referiu ás múltiples facetas de Victoriano e a súa loita a prol do gremio dos xornalistas, así como a defensa da liberdade de prensa e de expresión
como un dos piares da democracia.
En representación da familia, Fátima Bermejo, lembrou episodios cotiás dos seus parentes e da súa propia infancia. “Victoriano é para nós o exemplo de que as fronteiras só existen no noso pensamento”, declarou. Finalmente foron agasallados cunha visita guiada polas instalacións da institución museística.

Previamente ao acto de homenaxe de hoxe na Pobra, realizáronse outros dous: a descuberta dunha placa conmemorativa na casa onde residiu en Santiago de Compostela, así como unha conferencia no Ateneo de Madrid, do que foi directivo, a cargo da profesora Arantxa Fuentes, especializada na vida e obra de García Martí. Neste senso,o presidente da APSC, Luís Menéndez, enxalzou a “calidade académica fóra de serie” de Victoriano; unha figura de alta relevancia intelectual que destacou como filósofo, ensaísta, avogado, escritor e prolífico xornalista, recibindo numerosos recoñecementos alén de Galicia, nomeadamente en París e Madrid. Nesta última cidade foi directivo do Ateneo nos tempos de Menéndez Pidal, Conde de Romanones, Azaña e Valle-Inclán. Indicou tamén que foi editor das Obras completas de Rosalía de Castro e autor de numerosos traballos xornalísticos en diarios de España, Francia e Hispanoamérica, ademais de promover o primeiro Congreso de Xornalistas de Galicia celebrado en Santiago, en 1921, e ser discípulo do filósofo francés Henri Bergson.

Outros artigos

Unha saída de vía en Ribeira deixou dúas mulleres feridas

Os equipos de emerxencias axudaron a saír ás implicadas, que foron evacuadas ao Hospital do Barbanza. Dotacións de bombeiros do Consorcio Contra Incendios e Salvamento de A Coruña con base en Boiro e Ribeira interviron en accidente no Concello de Ribeira. Dez minutos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

Todos sabemos que la historia de Romeo y Julieta es una novela, de W Shakespeare Pero la hermosa historia de amor entre Pedro I rey de Portugal y la gallega, Inés de Castro, es realmente dolorosamente y admirablemente cierta Por temor a que los hijos de Inés,...