Ribeiralandia engaiola a nenos e maiores no terceiro día das Festas do Verán

A terceira xornada das Festas de Verán en Ribeira foi unha troula de nenos, nenas e maiores. O epicentro da celebración estivo na praza da Concello, onde dende as once e media da mañá residentes e visitantes puideron desfrutar da ampla e completa variedade de xogos que brinda o programa de Ribeiralandia, o círculo dos contos.

A axenda, que se estendeu até as 14.00 horas e proseguirá pola tarde entre as 18l.00 e as 20.30 horas, incluíu inchábeis, xogos de habilidade, animación musical e un concorrido posto de frigolosinas. Xa pola tarde será a quenda da festa da escuma.

Polo demais, o Concello informou de que a xornada festiva deste venres non amenceu co tradicional lanzamento de 21 bombas de palenque “debido ao forte vento reinante”. Porén, si que se manteñen as dianas e alboradas polas rúas da cidade (a cargo do grupo de gaitas Xiada).

Exposición de Antonio Pérez

Ás nove e media da noite está prevista a inauguración da exposición Mulleres, homes e peixes, do artista local Antonio Pérez, no Centro Cultural Lustres Rivas.

Ás dez e media da noite o parque García Bayón acollerá unha gran verbena a cargo do grupo Atenas Small Band, en tanto que ás once da noite o Malecón dará cabida á actuación da orquestra Pontevedra.

E un dos acontecementos máis agardados pola xuventude será o festival de DJs Ribeira Urban Fest que se celebrará a partir das once da noite na praza de España, con Álex Martini, Tall Boys, Adrian L, Dumore e Enter.

Todas as actuacións son gratuítas.