A Festa do Polbo de Palmeira alcanzará este sábado a súa oitava edición para seguir erixíndose en referente na comarca da exaltación gastronómica deste cefalópodo: unha cita que foi presentada este mediodía polo concelleiro Emilio Pérez Outeiral xunto coa súa compañeira de Cultura María Sampedro Fernández.
A festa volverá contar nos fogóns co pulpeiro Manuel Veloso para preparar o prato estrela da festa, da que, coa salvedade da última edición, moi condicionada pola pandemia, todos os anos vénse
rondando a tonelada de polbo consumida. A cita contará tamén con outras propostas culinarias e cun atractivo programa de actividades complementarias cunha marcada presenza de xente local.
A festa espertará o sábado 27 de agosto cos pasarrúas que dende ás dez da mañá ofrecerá a charanga Os Santiaguiños, aos que se sumará dende o mediodía Latexo Percusión. En torno ás 13 horas
haberá unha sesión vermú amenizada por Alba e Loren. Xa ás sete da tarde haberá unha actuación dos Liantes de Artes e unha hora despois o escritor Francisco Antonio Vidal Blanco pronunciará o
pregón. Por último, ás dez da noite haberá un concerto progatonizado por Thais Suki.
O domingo 28 tamén contará cun pasarrúas a cargo dos Santiaguiños e en torno ás 13 horas haberá sesión vermú co grupo Open Drink, actuación encargada na programación das Rúas Musicais da
Concellería de Cultura. Ás 20 horas haberá unha exhibición de kempo karate polo Gimnasio Cardalda e por último haberá un concerto do grupo Rokola.
