O PSOE de Ribeira pide que se repare a entrada ao recinto de cargas e descargar da Lonxa

Os socialistas de Ribeira, a través do concelleiro-voceiro José Manuel Vilas, presentaron ao pleno da Corporación, para ser debatido, un rogo relativo ás características actuais da entrada ao recinto da zona de cargas e descargas da Lonxa de Ribeira, que presenta dende hai algo máis dun ano “un aspecto lamentábel”, en palabras do PSOE local.

O grupo socialista apunta a que posíbel orixe destes danos estea nun accidente dun vehículo pesado, ao igual que os desperfectos que se aprecian na rotonda da entrada o recinto portuario. De feito, o parte de sinistro foi cursado dilixentemente a instancias superiores, explican.

Porén, engaden, “a día de hoxe estas eivas están amañar, o que transmite a ollos de veciños e visitantes, unha imaxe de desleixo e de falta de preocupación para resolver os problemas que suceden acotío”.

E engaden os socialistas: “O nome da cidade tamén se resinte ante tanta falta de reacción. A Lonxa de Ribeira pasa por ser un referente a nivel nacional, lugar de visita case obrigada de turistas, polo que o entorno debe ser acorde co que se intenta transmitir en valores, modernidade, e beleza”. A isto engádese a celebración das Festas do Verán en Ribeira, “e
estes, e outros asuntos (depósitos de aceites, redes, contedores…), deberían ter unha mellor, e pronta resolución”, conclúen.

No rogo o PSOE especifica o seguinte: “Que por parte da Alcaldía, se proceda a comunicar a Portos de Galicia, o malestar da cidadanía ante a falta de actuación e decoro para resolver as deficiencias ocasionadas dentro do recinto portuario de Ribeira, e que acometan as obras necesarias, e precisas, canto antes”.