O Partido Galego, agrupación con destacada presenza na nosa comarca, presentou unha batería de iniciativas para atallar o grave problema dos incendios que asolan cada ano os nosos montes e que se agravan coas máis que notorias consecuencias do cambio climático e do quecemento da Terra. Segundo fai saber o grupo a xeito de resumo, “a liña estratéxica esencial de actuación en relación cos lumes é anticiparse ao problema antes que este se produza”.

E engade: “A vaga de lumes que asolou Galicia no último mes, vén a demostrar unha vez máis que non se toman as medidas axeitadas dende hai máis de 35 anos no que leva sendo un problema grave, estrutural e de país”.
O Partido Galego achaca boa parte desta problemática á xestión ambiental, pero tamén “ao abandono e despoboamento do rural, das aldeas, das parcelas agrarias e forestais”, ao que se suman, din, “30 anos de políticas nefastas en Galicia, neste caso do PP, case permanentes gobernantes da Xunta, que dan como resultado o aumento da biomasa dun xeito brutal nos últimos anos”.
O devandito, sumado aos intereses na queima do monte, fan un cóctel realmente explosivo, sinalan.
E engaden: “As tarefas de limpeza de cunetas e nalgún caso mesmo de camiños que son case comestos polo rápido crecemento de todo tipo de maleza nas primaveras, non son suficientes para evitar os incendios; nin as insuficientes medidas coercitivas para que cada quen coide das súas parcelas, sobre todo aquelas que poñen en perigo o entorno de vivendas; nin os planeamentos urbanísticos sen elaborar nalgúns concellos e sen usar noutros causando un descontrol urbanístico con edificacións de vivendas no medio dos montes como ten acontecido nos últimos 40 anos; estes e moitos outros factores favorecen a propagación do lume. Incluso o PP non cambia o método de traballo na Xunta, o que favorece o chamado negocio do lume, no canto de que o auténtico esforzo se faga na prevención”.
Para o Partido Galego os lumes teñen “unha solución” co enfoque axeitado chamado “anticipación ao problema”, que se podería artellar a través das seguintes propostas:
Propostas lexislativas
• Apostar por un novo sistema forestal, baseado na economía circular, con frondosas rendíbeis, favorecendo a diversidade de aproveitamentos e a sustentabilidade do monte, etc.
• Facer cumprir todas as normativas xa existentes relacionadas cos tipos de plantacións, as distancias, etc.
• Prohibir recualificar os terreos afectados por incendios.
• Atender aos planeamentos dos 19 sectores definidos en Galicia e incentivar a creación das Unidades de Xestión Forestal (UXFOR).
• Simplificar os trámites burocráticos para a limpeza dos montes na contorna das poboacións.
• Apoiar economicamente ás empresas e particulares que teñan vinculación co monte sustentábel.
• Promover leis con penas moi severas contras as persoas que delincan causando lume.
• Completar concentracións en toda Galicia.
• Implementar medidas a medio e longo prazo que vaian na dirección da solución en consonancia coas normas da UE tendo en conta a Axenda europea 2030 e que faciliten o acceso as axudas que actualmente xa penalizan a mala planificación de xestión.
• Promover un censo das plantacións de eucaliptos, traballando nun programa de redución e regulación a cambio de proxectos viábeis e sustentábeis economicamente. As medidas de cambio deben ser prioritarias nos terreos que cheguen a terceira corta de eucalipto ou no límite de 50 anos.
• Compensar fiscalmente ás persoas propietarias de plantacións autóctonas polo beneficio social, ecolóxico e de incremento da porcentaxe que achegan á contabilidade que os concellos deben medir na descarbonización para acceder aos diferentes plans subvencionábeis da UE dentro da Axenda 2030.
• Promover normativas reguladoras para control e erradicación das pirófitas de terras de labranza, cursos fluviais, zonas de especial sensibilidade paisaxística ou risco de incendios, etc…
Propostas sociais
• Promover plans educativos nas corporacións, nos centros do rural e no ensino regrado en xeral coa implantación das “bosque escolas” en tódolos colexios públicos de Galicia, asignando hectáreas a cada centro.
• Desenvolver programas de prevención dende os concellos que abrangan o ano completo (ex. brigadas permanentes, voluntariado subvencionado, etc)
• Crear batallóns de vixías contra o lume integrados pola sociedade civil, incentivados con medidas como descontos en transporte, descontos nas matrículas, descontos en estadías, etc.
• Facer campañas informativas sobre o banco de terras BanTeGal, e convertelo nunha ferramenta de axuda a quen non poida coidar as súas terras.
• Dar a coñecer o Plan estratéxico da Xunta a 20 anos vista que propón a creación de 16.000 has. de castaños de froito e outras leis que van no mesmo sentido.
• Informar de especies frondosas rendibles e tamén das empresas adheridas que merquen o produto (castaña, oliva, viñedo, améndoas, ovos, froitos vermellos, etc)
Propostas económicas
• Manter un cinto de seguridade protector con especies autóctonas arredor dos núcleos de poboación.
• Poñer o acento nas medidas de prevención para o vindeiro ano e seguintes. Os incendios non poden ser un negocio nas tarefas de extinción, máis ben o “negocio” ten que ser a prevención (contratacións, cursos de formación, dotación de maquinaria e traballos de mantemento, axencias de asesoramento e seguimento, escolas agrarias, etc).
• Elaborar o PXOM en todos os concellos nos que está pendente.
• Deseñar plans específicos encamiñados a aumentar a rendibilidade dos montes, buscando alternativas ao monocultivo do pino e eucalipto.
• Elaborar un plan galego de centrais eléctricas con biomasa.
• Elaborar un plan galego de procesado de restos forestais (estilo planta biomasa de Curtis – Teixeiro).
• Apostar porque os servizos de extinción sexan públicos, profesionais e asentados no medio rural.
• Tentar a reactivación da vida rural mediante vantaxes fiscais, servizos públicos, exención de impostos, inversións sostidas, campañas divulgativas, etc.
• Fomentar o desenvolvemento de granxas, viñedos, proxectos vinculados ao turismo rural, afectacións de reservas e espazos protexidos, turismo do bosque autóctono, augas termais, conservación da biodiversidade, sustentabilidade e defensa da auga, ciclo completo de produción de resina, ciclo completo da castaña e produtos derivados, etc.
C