O concello de Rianxo e a Piscina Municipal de Rianxo, xestionada polo grupo BeOne, veñen de formalizar un acordo ao abeiro da campaña Vacacións en Paz, destinada a favorecer e facilitar a acollida de crianzas saharauís na localidade. O pacto inclúe vantaxes para as familias rianxeiras que dean acubillo a estes nenos e nenas, xa sexan abonadas ou non.
En primeiro lugar, os fogares acolledores xa inscritos na Piscina Municipal poden incluír ao neno acollido dentro da súa cota, con independencia da que se teña contratada e sen ningún tipo de custo adicional. Tamén se acordou a posibilidade de que as crianzas saharauís poidan acceder a un curso de natación gratuíto. Finalmente, para incluír a todas as familias acolledoras, tamén se pactou que, no caso de non seren abonados, ofrecerase matrícula gratuíta e a inclusión dos nenos acollidos sen custo adicional.
O Concello salientou que este pacto afecta a todas as cotas dispoñíbeis na Piscina Municipal, non só á familiar, senón tamén á individual e outras.
O Concello de Rianxo leva xa varios anos participando en Vacacións en Paz, que permite que os máis pequenos escapen das altas temperaturas rexistradas na rexión de Tinduf (Arxelia). O Concello apoia esta iniciativa con medidas de financiamento das viaxes, pois son as familias as que asumen a manutención dos pequenos.