O BNG actúa no Parlamento e no Concello para evitar os recortes educativos en Palmeira e Ribeira

24 Agosto 2022

Segundo o BNG a Consellaría de Educación confirmou novos recortes educativos para o colexio de Palmeira e o IES Nº1 de Ribeira. Ámbolos dous centros xa viran reducidos os seus medios un ano antes ao se reducir dúas unidades educativas no centro de Palmeira e un recorte de 11 profesores no centro de Ribeira.

Segundo a formación nacionalista os recortes traduciranse para o colexio de Palmeira no peche dunha unidade educativa e na redución de horas para o profesional de Pedagoxía Terapéutica que terá que ser compartido con dous centros educativos máis. Pola súa banda, o IES Nº1 sufrirá a perda dun profesor, o que implica que en tan só dous cursos verá minguado o seu cadro de persoal en 12 profesores e profesoras. Ademais o centro de educación secundaria precisaría un reforzo de profesionais especialista en atención á diversidade.

Ante esta situación o BNG anunciou que rexistrará iniciativas no Parlamento galego como no Concello e Ribeira para esixirlle ao Goberno galego que rectifique a súa intención de seguir desmantelando o Ensino público galego. Para explicar as iniciativas compareceu a deputada do BNG Rosana Pérez, os concelleiros Luís Pérez e Cruz Rivadulla e a presidenta da ANPA de Palmeira, Paz Gonzalez.

Para Rosana Pérez recriminou que a decisión de aplicar recortes vai prexudicar a atención ao alumnado, sobre todo a aquel que presenta algún tipo de necesidade educativa específica. Segundo a parlamentaria, o alumnado que teña necesidades educativas diagnosticadas non poderá ser atendido como precisa, posto que faltarán profesionais de audición e linguaxe (AL) e pedagoxía terapéutica (PT). “Non imos consentir que recorten na calidade educativa dos nosos mozos e mozas sabendo que se poden destinar os recursos e persoal suficientes” declarou Pérez Fernández.

Desde o BNG cren que recortar unidades educativas e profesorado especialista está totalmente inxustificado porque masificará aínda máis as aulas, disparará a proporción de alumnado por cada profesor e profesora, diminuirá a calidade educativa e supón unha aberración pedagóxica que prexudicará ao alumnado que precisa máis apoio e atención.  Con esta decisión, adoptada en pleno verán para evitar as protestas, a formación nacionalista considera que se bota por terra o traballo realizado polas direccións, polo profesorado e pola comunidade escolar en xeral.

Pérez Fernández esixe a rectificación da Xunta e “cese os ataques ao Ensino público pois, con este tipo de decisións adoptadas de maneira unilateral, deterioran un servizo público esencial para garantir a equidade social e a calidade educativa. Ademais destrúen emprego e provocan distorsións e problemas de funcionamento nos centros ao non se garantir os recursos económicos e de persoal suficientes”.

O portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez, mostrou a súa preocupación polo que lle sucede á parroquia de Palmeira xa que, segundo di, “estamos vendo como se deteriorou a atención médica coa falta do facultativo, vemos como se pechou a oficina bancaria sen que o goberno local movese un dedo e tanto o ano pasado como este volven pechar aulas e reducir profesorado do colexio. O Partido Popular quere finiquitar os servizos públicos da parroquia de Palmeira”.

Pérez Barral considera que o alcalde non está á altura pois continua máis preocupado en obedecer os ditados do seu partido que en defender a veciñanza. “Ribeira non merece un alcalde que claudica ante os ataques que o Partido Popular, lle está a facer aos servizos públicos. No BNG seguiremos traballando a carón da comunidade escolar para tratar de evitar os recortes e buscar que haxa medios e profesorado suficiente para atender ao alumnado”.

Pola súa banda, a presidenta da ANPA, Paz González destacou que o colexio de Palmeira ten un 25% de alumnado diagnosticado de diferentes trastornos e necesidades educativas así como un número nenos e nenas con trastornos de aprendizaxe. “Sería necesario ter 4 profesionais de pedagoxía terapéutica e 3 de audición e linguaxe se queremos atender só os casos máis graves pero a Consellaría de Educación só nos concede 1 AL e 1 PT compartido con dous centros máis polo que desde a ANPA solicitamos que se reconsideren os recortes e se poñan os profesionais suficientes”.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...