O Concello de Ribeira vén de sacar a licitación os traballos para mellorar o firme no camiño da Eirexa a Gándara e no camiño de Meiladín, que están situados nas parroquias de Oleiros e Olveira, respectivamente. Esta actuación está orzamentada en 67.056,22 euros e conta cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2022-2023.

No que camiño da Eirexa a Gándara, de 660 metros de lonxitude, o Concello explica que “ten un firme de aglomerado asfáltico deteriorado”. As obras de mellora previstas contemplan a roza da contorna e a limpeza da vexetación, a aplicación dunha subbase de saburra, a regularización do camiño con aglomerado en quente nas zonas de fochas e desconchados, e a extensión dunha nova capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor en toda a lonxitude e ancho da vía.

No que se refire ao camiño de Meiladín, de 445 metros de longo e feito de aglomerado asfáltico o seu estado de conservación tamén é defectuosa. As obras de mellora prevén a roza e a limpeza da vexetación, a preparación das marxes do camiño, a regularización do mesmo botando aglomerado en quente nas zonas de fochas e desconchados, a aplicación dunha subbase de saburra nas marxes e a extensión dunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor en toda a lonxitude e ancho da vía.
O prazo de execución son dous meses.
As empresas dispoñen ata o 24 de agosto á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).