Empresarios, Concello e Confraría reivindican os nosos peixes e mariscos en Gastromar Ribeira (do 10 ao 12 de setembro)

30 Agosto 2022

O local da Asociación de Empresarios de Ribeira acolleu este martes 30 de agosto a presentación dun evento que reivindica o mellor da nosa gastronomía: os produtos do mar. Estamos a falar de Gastromar Ribeira, que se celebra na praza de España os días 11, 12 e 13 de setembro, coincidindo significativamente coas festas patronais de Santa Uxía e cun obxectivo claro de enxalzar o noso e poñer o foco, especificamente, naqueles produtos que non adquiren as máis altas cotizacións pero que atesouran as mellores calidades e propiedades. Produtos como por exemplo o congro, a xarda, o lirio, o xurelo, o mexillón ou o choco, entre outros moitos. Na feira haberá foodtrucks (media ducia deles, cada un centrado nun ámbito gastronómico), demostracións (showcookings) e un obradoiro para a rapazada a cargo do cociñeiro Miguel Mosteiro, entre outras actividades.

Na presentación de Gastromar Ribeira participaron os representantes das entidades que fixeron posíbel a materialización do evento, un evento que dende a patronal recoñeceron que é “longamente agardado” e que non se puido converter en realidade até agora por mor da pandemia, principalmente. Participaron na rolda de prensa o presidente da Asociación de Empresarios, Francisco Martínez Gude, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, o patrón maior da Confraría de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, e máis o presidente de OPMEGA (Organización de Produtores de Mexillón de Galicia), Ricardo Herbón.

O presidente da patronal dixo que a organización decantouse finalmente polo mes de setembro para que non coincidise coas semanas masificadas de xullo e agosto e, tamén, para permitir á cidadanía de Ribeira e dos concellos de Barbanza o máximo desfrute das actividades preparadas. Martínez Gude tamén fixo fincapé na vontade da patronal de facer todo o posíbel para que o evento teña continuidade no tempo, entre outros motivos porque se “trata dun proxecto moi especial que levamos anos intentando sacar adiante e que estamos convencidos que terá importantes beneficios para Ribeira e súa contorna”.

Pola súa banda, Manuel Ruiz comentou que Gastromar Ribeira é un evento que pon de manifesto a estreita relación da cidade co mar (“calquera que coñeza Ribeira, sabe que Ribeira é mar”, dixo) e fixo fincapé na alianza de entidades que fixo posíbel a organización da cita gastronómica, “unha alianza que vai garantir o máximo éxito e a maior visibilidade”.

O presidente de OPMEGA engadiu que “os produtos do mar teñen que ocupar o lugar que se merecen, e Gastromar é unha boa oportunidade para isto”, e o patrón maior, pola súa banda, comentou que se vai facer un esforzo especial en reivindicar produtos de gran calidade que non adquiren altas cotizacións, co obxectivo de dalos a coñecer e achegalos ás familias, e ademais a prezos moi accesíbeis.

Precisamente a posibilidade de adquirir mariscos e peixes de gran calidade a custes económicos será unha das razóns de ser de Gastromar Ribeira, que disporá de media ducia de foodtrucks na praza de España (acompañados dunha carpa de 400 metros cadrados) dende os que facer gala de diferentes formas de preparalos. O programa de actividades, amais de todo o devandito, tamén inclúe unha sesión vermú o domingo 11 de setembro. O obxectivo das entidades organizacións é distribuír 3.000 racións de peixes e mariscos entre os asistentes.

Horarios

-sábado 10, inauguración ás 19:30h e degustación de 20:00h a 23:30

-domingo 11, de 13:30h a 16:00h e de 20:00h a 23.30h

-luns 12, de 13:30h a 16:00h

E a maiores…

Animación musical

Obradoiros de cociña para nenos e nenas, o domingo 11 as 12:00h

Showcooking, o luns 12 as 12:00h

Outros artigos

Conferencia de Rosario Sarmiento no Museo do Gravado de Artes

O 1 de abril comezaba da man da Real Academia de Belas Artes coa conmemoración do Día das Artes Galegas que neste ano homenaxea a Isaac Díaz Pardo. En Ribeira, como non podía ser menos, imos ter unha especial presenza de accións ao redor da vida e obra do intelectual,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

España ten moito que mellorar na loita contra a corrupción. O Grupo de Estadoscontra a Corrupción do Consello de Europa (GRECO) publicou dous informes deseguimento que avalían o cumprimento por parte de España das súasrecomendacións para previr a corrupción. O “GRECO”...