A compañía ButacaZero, dirixida pola rianxeira Esther F. Carrodeguas e por Xavier Castiñeira, estreará este mes de setembro a súa nova creación: Papagena. A peza, que xirará por 14 localidades de Galicia o vindeiro trimestre, é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica á que dan vida a soprano noiesa Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo. Este mes de agosto, en Rianxo, a compañía ensaia e ultima todos os detalles previos á súa estrea absoluta. Co obxecto de aproximar o proceso á veciñanza, o público terá a oportunidade de asistir a dous pases abertos os días 2 e 3 de setembro no Auditorio Municipal da localidade do Barbanza.
Papagena é unha ópera electrónica do compositor galego Iago Hermo inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace nas súas palabras da “vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística”, mais tamén “pretende rachar con outras percepcións decote asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista”. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.
Dende ButacaZero salientan a súa aposta “polo risco escénico”, cunha nova produción que destaca por ser unha ópera galega e en galego, con temática social e cunha fonda implicación no territorio.
Datas da xira de Papagena
Papagena, que conta co apoio do Concello de Rianxo, poderase ver, a modo de preestrea, os días 2 e 3 de setembro na Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal da localidade do Barbanza (21.00 horas), na que a compañía está a ensaiar este mes de agosto. A entrada será libre ata completar a capacidade do recinto. Unha semana despois, o sábado 10 (21.30 horas), terá lugar a estrea absoluta nas ruínas do convento de Santo Domingo, en Pontevedra. O público poderá asistir gratuitamente á función previa reserva, sistema que se dará a coñecer desde a Deputación de Pontevedra en datas vindeiras.
A ópera chegará a outra ducia de localidades nos vindeiros meses, cunha función por cada fin de semana. A primeira parada da xira será no porto de Fisterra (17 de setembro), para continuar en O Grove (24 de setembro), Celanova (1 de outubro), Caldas de Reis (9 de outubro), Narón (15 de outubro), Tui (21 de outubro), Oleiros (29 de outubro), Gondomar (5 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena estará dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.