
A comarca do Barbanza, como a maior parte de Galicia, cheira a madeira queimada e o fume producido estes días na zona marca o grao de impotencia de numerosas familias que, aínda que afeitas aos incendios forestais e sabedoras de que hai quen prende lume nos montes, non dan o paso avante preciso para que, quen representa á Lei, se faga cargo deles para que paguen con penas económicas e de prisión parte do inmenso dano que provocan no territorio polas súas ansias de queimar.
A cambio de que?. Dese apetito que os fai desfrutar do lume, porque perciben cartos ou outros beneficios en troques?. Que pode levar a unha persoa a queimar un patrimonio que é de todos e do que todos, dun ou doutro xeito, nos beneficiamos?.
Hai moitos anos que teño a convición da existencia de profesionais do lume, de pirómanos que dun ou doutro xeito se benefician das faíscas que se espallan ampliando o radio de acción do lume que prantaron para satisfacción propia e máis daqueles que os incitan a queimar aportando cartos ou calquera outro beneficio para sí.
A comarca do Barbanza é un obxectivo deses pirómanos desde vai moitos anos. Polos menos 60. Desta vez o foco principal dos lumes estivo na parroquia boirense de Cures. O incendio, como acontece case que sempre, espandíuse quilómetros e quilómetros queimando ata o momento máis de 2.000 hetáreas de monte maioritariamente arborado. Polas entremedias, casas, terras de labor, instalacións turísticas (como o “camping” Ría de Arousa onde queimou 8 “roulottes” e 13 persoas que empregaban cabanas e unha casa de turismo rural se viron na obriga de abandonar esas instalacións que as lapas ameazaban ao igual cas súas vidas.
Sí, O Barbanza -ao igual que Galicia- cheira a fume e madeira queimada, cheira a suor e a medo, a bágoas contidas a duras penas; cheira a pouca persoa -unhas, por queimar, e outras por calar e non denunciar a quen queima os montes.
Antes, vai máis de 50 anos, botábanlle a culpa dos lumes na Curota -que alumaban durante a noite boa parte da Serra- aos contrabandistas de tabaco -posteriormente aos narcotraficantes- tan dados a utilizaren as calas da Ría de Arousa e da contorna mariña barbanzana para as súas cacarexadas “descargas” da “mercadoría” transportada primeiro en barcos de pesca e posteriormente en embarcacións rápidas (planadoras) moitas delas motorizadas nunha coñecida fábrica inglesa de motores mariños. Eran tempos nos que a Garda Civil paralizaba unha verbena en calquera lugar máis ou menos perto do monte queimado ou suspendían a proxección nun cine de calquera película na percura de mozos e homes que, forzosamente, tiñan que acudir ao lugar ou lugares dlo incendio para contribuiren persoalmente á extinción deste. Sen medios e sen que ninguén garantise a súa vida, nen sequera pagase as roupas danadas no intento de apagar o lume.
Hoxe hai medios. Daquela só había medos. Pero o lume segue a facer das súas e non xorde, non, motu proprio. Alguén o prende e non sei por que motivo ou motivos. Sí sei que doe ver como arden as prantacións, boa parte delas -entre piñeiros, eucaliptos e broza non eliminada en tempo e forma- para un beneficio que descoñezo a quen afecta.
Mais de 2.200 ha. de monte queimadas no Barbanza, máis de 40.000 no que vai de verán nos catro territorios provinciais de Galicia. E todos pensamos na seca, nas altas temperaturas, no bos transmisores do lume que son os pinos, os eucaliptos, as silveiras, as toxeiras coas que unha chispa do ceo pode provocar lume incontrolado. Pero é a man do home, a carteira dun negociante de intereses propios ou alleos a que paga a quen achega o chisqueiro a unha caroza seca e aberta que perdeu os seus piñóns para que as lapas fagan o resto voando soas.
E non nos atrevemos a dicir quen, realmente, queima os montes de todos.