A Pobra acolleu este 25 de agosto a presentación das novas xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo, os encontros de divulgación sobre a historia, o patrimonio e a cultura locais. Segundo se informou, desenvolveranse os días 10 e 11 de setembro seguindo unha metodoloxía teórico-práctica e achegando información reveladora sobre as necrópoles da Pobra e a súa contorna, o patrimonio relixioso do concello, as pegadas da Guerra da Independencia e da industria da enerxía eléctrica. Estes son os catro piares temáticos da quinta edición das xornadas.

Unha máquina do tempo
Trátase dunha proposta cultural que durante a segunda fin de semana do mes de setembro permitirá, tal e como explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), “activar, en sentido figurado, unha máquina do tempo a través da cal coñecer o pasado para poder entender un pouco mellor o presente”, dilucidar a evolución do concello ao longo das centurias dende diversas vertentes e o seu papel en distintos episodios históricos. Nesta ocasión, remontarase ata o Alto Medievo para saltar ata o século XVI, os inicios de 1800 e abranguer épocas xa relativamente máis recentes.
As contribucións de Manuel Gago e José Carlos Vidal
O historiador, novelista, divulgador e experto en novas tecnoloxías Manuel Gago, natural do concello da Pobra, é un dos impulsores deste ciclo. Na presentación comentou que estas xornadas ofrecen “unha visión dilatada no tempo arredor da evolución da Pobra do Caramiñal” abordando “temas innovadores e pouco coñecidos”.
Pola súa parte, José Carlos Vidal, outro dos promotores, incide en que, no relativo aos dous lugares que se redescubrirán, “búscase revalorizar estes sitios” e tivo palabras de agradecemento para o párroco José Soneira polas facilidades no acceso ao templo relixioso de Santiago do Deán.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), cualifica estas xornadas como “fundamentais na programación cultural do noso concello e están xa consolidadas”, ademais de pór en valor o éxito acadado ano tras ano.
Esta nova convocatoria arrancará na tarde do sábado 10 coa parte teórica, desagregada en catro coloquios que se ofrecerán no Teatro Cine Elma con persoas vencelladas ao eido da investigación. Habilitarase, ademais, a opción do streaming na canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, onde tamén quedará gardado o vídeo para quen desexe visualizalo en diferido.
O alcalde e a concelleira da Cultura inaugurarán as xornadas para, deseguido, dar paso ao primeiro dos relatorios: As necrópoles tardoantigas e altomedievais da Pobra do Caramiñal e do Barbanza, a cargo de Laura Blanco Torrejón. Posteriormente será a quenda de Memorias perdidas e linguaxes esquecidas: a capela de Alba da igrexa de Santiago do Deán, da man de Begoña Fernández Rodríguez. Tras un descanso, Manuel Gago Mariño procederá con As rías galegas e A Pobra do Caramiñal na Guerra da Independencia para concluír con Xoán Carmona Badía e Eléctricas no Barbanza. Das primeiras iniciativas ao imperio Fenosa.
As persoas asistentes recibirán como agasallo o póster Os sartegos do Pomar, obra do arqueólogo e ilustrador José Ramón Almeida. Precisamente este xacemento situado na parroquia de Santo Isidro de Posmarcos será obxecto dunha visita que se realizará no domingo 11, así como a mencionada capela de Alba, a partir das 10.30 horas, co adro do Castelo como punto de encontro.
Requírese a inscrición previa obrigatoria a través do enderezo electrónico bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono de contacto 981831633 ata o día 8 de setembro.
