Adxudicados os traballos para ampliar a liña de abastecemento na avenida da Paz en Palmeira

O Concello de Ribeira vén de adxudicar as obras de ampliación da liña de abastecemento da avenida da Paz, situada dentro da parroquia de Palmeira na saída da autovía AG-11. Esta actuación recaeu na empresa Excavaciones Nima, S.L., e supón un investimento de 46.752,92 euros, IVE incluído.

O obxectivo do proxecto é “atallar os problemas de escaseza de subministro de auga que se producen con certa frecuencia na época de verán nas zonas altas da parroquia de Palmeira e na avenida da Coruña en Ribeira”, informou o Concello, engadindo que estes problemas “están motivados sobre todo polo notábel aumento de poboación en datas estivais co conseguinte incremento de consumo nas zonas baixas, provocando que chegue menos caudal ás zonas de maior cota”.

Para solucionar estas eivas vaise crear unha conexión directa da liña de auga que descorre pola estrada DP-7310 ata a autovía AG-11 procedente do depósito de Moldes, adonde chega desde o río Ulla, coa rede de abastecemento existente no lugar da Carballa.

As obras consistirán na instalación de 509 metros de tubaxe de polietileno de alta densidade con 110 milímetros de diámetro e 16 de presión nonimal, ademais dunha válvula de comporta, unha válvula de baleirado, unha ventosa e unha conexión en carga á rede existente na parte superior e un entronque convencional na parte inferior.

A liña será instalada en gabia (zanxa) pola beiravía da estrada de acceso á autovía agás no tramo de paso superior existente, onde para non afectar á estrutura colocarase superficialmente na beiravía próxima á varanda e protexerase cunha capa de formigón.

A actuación, que está enmarcada no POS Adicional 1/2019, ten un prazo de execución dun mes e medio.