Boiro acolle a vindeira fin de semana o I torneo Concello de Boiro, unha proba do Circuíto Nacional de Volei praia que realiza a Real Federación Española de Voleibol. O concelleiro de Promoción Económica, Carlos Muñiz, e o presidente da Real Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna, realizaron esta mañá a presentación da proba.
As actividades da proba vanse desenvolver os días 11, 12, 13 e 14 de agosto na Praia de Barraña. En total van participar arredor de 80 deportistas da élite do volei praia a nivel nacional, e gran afluencia de equipos galegos. “Esta proba é a última para acadar puntos antes da final que terá lugar en Fuengirola
polo que se agarda un alto nivel na competición”, recoñeceu o presidente da Federación.
Pola súa parte o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Carlos Muñiz, convidou a toda a veciñanza a que esta fin de semana desfrute dunha competición de alto nivel e recoñeceu que “para Boiro é moi importante acoller unha proba destas características”.
