Estes días de xullo vaise celebrar en Rianxo un dos grandes eventos culturais da tempada no norte peninsular: o XVII Encontro Internacional Zona da Zanfona, a nova edición do festival impulsado dende aCentral Folque e o Concello co obxectivo de reivindicar este histórico instrumento e de achegar un punto de encontro (único no territorio peninsular polas súas características), arredor de mesmo. A cita, pola que teñen pasado os representantes máis destacados escena europea relacionada coa zanfona nas últimas décadas, desenvólvese os días 8, 9, 10 de xullo 2022. Entre os puntos máis destacados do programa podemos atopar a proxección dun documental sobre un destes grandes reivindicadores do instrumento: Miro Casabella. Falamos do audiovisual Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella, un traballo dirixido e escrito polo cabanés Federico Alejandro Rioboo Fondo, que quixo homenaxear con este traballo ao músico e docente universitario que dá nome ao documental e máis á amizade que mantivo durante décadas co pai do director, Manuel Rioboo, os dous unidos polo amor á música e á zanfona.

O festival da revolución silenciosa
Segundo explican dende a organización, Zona da Zanfona é o festival “da manivela musical, da revolución silenciosa e mecánica do arco infinito”. Esta edición terá unha programación especial con algunha novidade mantendo, iso si, o espírito que combina as actividade para o público xeral e a atención ao especializado de outros lugares que se acheguen até a ría de Arousa. Haberá concertos, cursos e un convivio arredor da zanfona.
Concertos
-Venres 8 xullo. Auditorio. 21.00h
Coro Cántigas da Terra (Coruña) co espectáculo Arredor da roda. Cos convidados Iván Abal, Gutier Álvarez, Luís “O Caruncho”, Miro Casabella e Óscar Fernández
-Sábado 9 xullo. Praza Rafael Dieste. 22.00
Pedro Viana & João Martins (Porto) e Francesco Giusta (Torino)
-Domingo 10 xullo
Palco Aberto ZdZ. Xuntanza de escolas de zanfona de Galiza. Praza Rafael Dieste. 12.00h
Lotaría ZdZ. Sorteo dunha zanfona. Praza Rafael Dieste. 13.00h
Estrea de Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella. Filme documental. Auditorio. 19.30 h
Cursos ZdZ, no Auditorio de Rianxo
Iniciación. Óscar Fernández (Galiza) Venres 8. de 16 a 20h (empréstanse instrumentos)
Intermedio. Gorka Bravo (Euskadi) Venres 8. de 16 a 20h
Avanzado. Francesco Giusta (Piemonte) Sábado 9. de 10-19h
Construción. Suso Gestal e Ariel Ninas (Galiza) Sábado 2 e domingo 3. de 10-20h
Baile. Mercedes Prieto (Galiza). Sábado 9. de 16 a 20h




