Titiriberia levará a Rianxo do 24 ao 31 de xullo unha trintena de compañías, formacións e artistas

13 Xullo 2022

O Titiriberia, o Festival de Títeres Tradicionais de Rianxo, volve con forza neste verán postCOVID. Faino cun completo programa de propostas unidas polo nexo común de reivindicar e visualizar esta importante (histórica e artisticamente) vertente das artes escénicas. O certame, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia (a través de AGADIC), celebrará entre os días 24 e 31 de xullo a súa sétima edición cunha programación que inclúe unha trintena de formacións artísticas, algunhas delas procedentes de Italia e Portugal.

Así o adiantou este mércores 13 de xullo Larraitz Urruzola, coordinadora de Titiriberia, nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Rianxo na que tamén participaron o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas.

Urruzola subliñou que o Titiriberia deste ano é “o Titiriberia da consolidación en Rianxo e o da ampliación do seu programa ao estender a actividade ao longo dunha semana”. E engadiu: “Esta sétima edición significa crecemento e expansión e tamén, por suposto, a edición na que recuperamos a normalidade tras dous anos de pandemia”. Urruzola tamén explicou que o festival afondará nas súas metas habituais: “Recuperar o xénero dos títeres, captar novos públicos, fomentar espectáculos de rúa, descentralizar a cultura e mostrar o labor das mulleres nas artes escénicas e nos equipos de traballo”.

Atoparse co público

Segundo fixeron saber, “a descentralización do programa é un dos seus trazos principais dende a súa posta en marcha en Rianxo”, procurando levar os espectáculos a distintos escenarios do municipio para garantir “un encontro directo e próximo tanto coa veciñanza coma cos visitantes que pasan o verán no municipio”. Deste xeito, as parroquias de Asados, O Araño, Taragoña, Isorna ou Leiro contarán con diversas funcións e igual acontecerá coas praias da Torre e de Tanxil.

Nesa liña de entrar en contacto directo cos espectadores para captar novos públicos, Titiriberia integrará talleres do seu programa nas actividades dos Campamentos de Conciliación do Concello de Rianxo. Así, desenvolveranse entre os días 26 e o 29 de xullo obradoiros para a cativada que mesturan a construción de bonecos coa súa manipulación. As ruadas tamén serán outra canle que explorará Titiriberia para atoparse cos públicos. Baixo o título d’A festa dos títeres, a agrupación Vai de Roda e Viravolta Títeres partirán do Auditorio de Rianxo ás 12.30 horas para percorrer as rúas o domingo 24 de xullo, xornada inaugural do programa.

Do Barriga Verde ao Dom Roberto

Un total de 30 compañías, formacións e artistas acudirán a Rianxo para amosar os seus espectáculos, participar nas conferencias, impartir os obradoiros, difundir o xénero dos títeres de cachaporra e revisitar algúns dos personaxes máis destacados da tradición europea como son o Dom Roberto portugués, o Pulcinella italiano e, por suposto, o galego Barriga Verde. No caso luso, será a compañía Teatro e marionetas de Mandrágora, mentres que Irene Vecchia achegará a visión anovada do personaxe transalpino a través de dous espectáculos e dun obradoiro de títeres destinados aos profesionais.

Unha vintena de compañías e artistas ofrecerán ao longo de toda a semana unha ampla mostra da produción galega dentro do xénero dos monicreques. Formacións como A Xanela do Maxín, Fantoches Baj, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Trécola Producións ou Os Monicreques de Kukas ofrecerán as súas obras. Ademais, Tiriberia volverá a producir o seu propio espectáculo anual: As Varietés de Barriga Verde. Conducido pola actriz Antía Costas, a montaxe que se celebrará no Auditorio o venres 29 ás 22.30 horas incluirá actuacións de artistas como a propia Urruzola, Pajarito, Santi Prego, Jorge de Arcos, Irene Vecchia, Títeres Cascanueces e o Grupo de Teatro Airiños co acompañamento musical do Cuarteto da Escola de Música.

Dende Andalucía, chegará o grupo Trastero 203, que representará no Auditorio o seu espectáculo Eva o mércores 27, mentres que Títeres desde Abajo, cuxos integrantes son de Andalucía e Cataluña, representarán o xoves Paral.lel 55 no mesmo recinto. As funcións que se celebren no escenario municipal serán as únicas de pago e as entradas custarán 5 euros.

O programa complétase con conferencias como a que impartirá José Luis Pico Orjais baixo o título A viaxe de Toribio: De Mañón a Rianxo?, mesas redondas como a que analizará as catro décadas dos títeres profesionais en Galicia, exposicións nos escaparates de Rianxo ou a charla que ofrecerá por vía telemática a investigadora mexicana Elvia Mante co título O que non se nomea non existe. As mulleres na arte dos títeres.

Os Cristovos

Co lema Olladas sobre os Cristovos, o festival quere reivindicar este termo tradicional para nomear as marionetas e procurar a súa normalización para os títeres tradicionais. O termo de “cristovos”, amplamente empregado no noso país ao longo do século XX, ten paralelo no títere español Don Cristóbal, parente directo do noso Barriga Verde e parte da tradición europea que reúne personaxes coma Pulcinella, Punch ou Guignol entre outros. Deste xeito, Titiriberia defínese como “un espazo único no que coñecer e revisar todas estas tradicións desde a perspectiva galega”.

Programa completo na web www.tititiriberia.com.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...