O Festival Atlántica de narracións orais recalou este domingo 3 de xullo pola tarde en Ribeira coa primeira das tres actuacións que vai desenvolver no municipio este certame internacional.

Baixo o título de Lavandeiras, Rilo & e Penadique ofreceron o seu espectáculo nun escenario que, pola temática da historia narrada (historias realistas, máxicas e retranqueiras de mulleres a carón do río), non puido ser máis indicado: o Lavadoiro de Pinisqueira, en Couso (Aguiño). Acudiron a presencialo máis de oitenta persoas.

As actuacións do Festival Atlántica en Ribeira proseguirán este mércores na praza do Concello coa proposta Música e contros de patera, a cargo do galego Anxo Moure e dos marroquís Ayoub Kamouni e Aziz Belmajdoub. Dará comezo ás nove e media da noite e o acceso será gratuíto.
Para rematar, o venres 8 ás nove e media da noite celebrarase a función O teatro máis pequeno do mundo, a cargo de Santi Prego e Jorge de Arcos. Desenvolverase no Lavadoiro de Artes e será novamente de balde.



