O festival de monicreques rianxeiro Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, continúa este mércores 27 de xullo coas actuacións de sete compañías diferentes e a conferencia coa que se conmemorará máis de corenta anos de teatro profesional de marionetas en Galicia. Entre as 12 e as 14.30 horas, a praza Castelao e o Subcampo contarán coas actuacións dos espectáculos coa técnica de lambe-lambe de Diáspora Teatro, que representará a peza Victoria; Os Monicreques de Kukas, que fará o propio con Gernika, e Seisdedos Marionetas, que ofrecerá a súa obra Este espectáculo foi ilegal.

O mércores tamén chegará o primeiro nome internacional do Titiriberia deste 2022. Será a compañía lusa Teatro e Marionetas de Mandrágora, que amosará entre as 12.00 horas e as 14.30 horas o primeiro pase do seu espectáculo itinerante O máis maior grande Dom Roberto. A peza céntrase nunha figura xigante e interactiva que representa un Dom Roberto, o tradicional fantoche portugués, que sairá ao encontro das xentes de Rianxo. Realizada polo artista plástico enVide neFelibata, O mais maior grande Dom Roberto convida a ollar para a grandeza deste títere tradicional dun xeito diferente. Esta escultura en movemento circulará polas rúas da vila para revivir memorias dun teatro tradicional que renace e que se reinventa. Xa pola tarde, entre as 18.00 e as 20.00 horas, celebrarase unha nova quenda que partirá tamén da praza Castelao.
Ás 12.00 h. na praza de Rianxiño, a compañía Trécola Producións representará nº8 Rúa dos Contos, unha peza clásica dos títeres galegos cunha longa historia e traxectoria. Nada en 1981, Trécola recupera a peza creada no seu día pola mestra titiriteira galega Fernanda Cabrera xunto ao seu compañeiro Rafa Vázquez. Os actuais integrantes da compañía, segunda e terceira xeración desta saga, presentan esta proposta familiar con ocasión dos corenta anos da formación. Este pase enmárcase dentro da programación dos Campamentos de Conciliación do Concello de Rianxo.

Función na praia
Ás 13.00 h. a praia de Tanxil converterase no escenario para que a compañía galega A Xanela do Maxín represente a súa obra Lúa quere viaxar a… Marte, unha proposta sobre unha rapaza, Lúa, que segue a inspiración de grandes mulleres científicas, investigadoras e astronautas.
Ás 18.30 horas no Auditorio de Rianxo celebrarase unha mesa redonda moderada por Topo Vidal na que participarán representantes de Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Viravolta Títeres e Trécola para falar das catro décadas de teatro de títeres profesional en Galicia.
Ás 21.30 horas terá lugar no Auditorio de Rianxo a última obra da xornada: Eva, da formación andaluza Trastero 203. Trátase dunha comedia musical e filosófica, cunha soa actriz acompañada dun gran elenco de marionetas que ela mesma manipula.



