A empresa Conservas Cerqueira presentou esta semana os detalles do seu ambicioso proxecto para Rianxo, concello no que contará cunha sede propia, concretamente no Polígono Industrial do Te. Segundo fixo saber a empresa, investiranse 28 millóns de euros instalación da dita sede no polígono rianxeiro, onde a conserveira mercou unha superficie de máis de 36.000 metros cadrados. Así o deron a coñecer este martes 5 de xullo o seu presidente Juan Manuel Cerqueira, Andrés Mencía (xerente), Manuel Aldao (adxunto á xerencia) e Antonio Otero (apoderado) na presentación do seu proxecto no salón nobre do Consistorio rianxeiro, xunto ao alcalde, Adolfo Muíños, e os edís Mari Carmen Figueira e Tobías Betanzos.

O Concello salientou “a importancia da implantación desta empresa” no parque empresarial “pola xeración de postos de traballo” e tamén “por ser unha empresa do sector conserveiro que se vincula así máis co noso concello creando sinerxias tamén con outros produtores”, sinalaron os integrantes do equipo de Goberno, poñendo o foco, igualmente, nos beneficios fiscais previstos ao abeiro da declaración do Concello como concello emprendedor.
A empresa indicou que vai manter o medio centenar de postos de traballo estacionais que teñen na súa nave de Ribeira, na histórica fábrica de Bandourrío, onde deixará de ter actividade unha vez se trasladen á súa nova localización. Tamén lembrou que nas parcelas do parque empresarial rianxeiro execútanse obras desde que en maio foron aprobadas na xunta de goberno. Amais, Conservas Cerqueira prevé que dentro dun ano poida comezar a súa actividade cun aumento do seu persoal entre 20 e 25 persoas, o que supoñería incrementalo en torno ao 50%.
Cando estean a pleno rendemento dentro de 5 anos darán emprego a 140 ou 150 persoas anunciando novas liñas de produción e o aproveitamento de augas e caldos, que lles permitirán traballar todo o ano. Sinalaron tamén que no proxecto construtivo e a liña de produción prevén aproveitar e reciclar boa parte das augas de cocción e aplicar medidas que se acheguen no posíbel a unha economía circular.