A Área de Cultura de Rianxo fixo este ano un esforzo especial para encher o verán de actividades para cidadáns e visitantes de todas as idades e tendencias. Haberá música a esgalla, espectáculos e eventos sobranceiros como o Noites de Jazz Festival ou a Feira do Libro. A troula comezou os primeiros días de xullo, co festival de fin de curso da Escola de Música de Rianxo e proseguiu logo co XVII Ciclo de Bandas, co 18 Encontro Internacional Zona de Zanfona (ZdZ) e coas Festas da Virxe do Carme (que inclúe, este 17 de xullo, un concerto de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, presentando a partir das 22.30 o seu novo traballo, As Catedrais Silenciadas).

A axenda cultura continúa o día 22, coa Feira do Libro de Rianxo, que terá as súas portas abertas no Campo de Arriba até o 25 de xullo, luns. O venres 22, ademais, a praza Castealo acollerá o espectáculo Mil Maxias Máis, a cargo do Mago Antón (pases ás 13.30, ás 19, ás 20, ás 21 e ás 22h).
Os días seguintes, sábado 23 e domingo 24, celebrarase a Festa da Xouba de Rianxo, no Campo de Arriba. Ademais, o sábado 23 a praza Rafael Dieste acollerá o espectáculo de contacontos musical e familiar Little Neno descobre os Beatles, ás 21.00 horas. Nesta mesma xeira, o sábado 23, a praza Castelao dará acollida a un concerto de Xisco Feijóo, presentando Peixe a partir das 22.30 horas. O domingo 24 a banda Son of Exodus (Carlos Cernadas) presentará Castrexos na praza Castelao, a partir das 22.30h.
Entre o domingo 24 e o domingo 31 celebrarase en Rianxo un dos grandes eventos culturais da tempada na nosa comarca: o Festival Titiriberia (VII Festival de Títeres Tradicionais). Desenvolverase en varias localizacións de Rianxo poñendo o foco na figura dos cristovos.
Días máis tarde, o día 29, dará comezo a iluminación artística en espazos e edificios locais abeirada ao Festival da Lúa. Tamén se poderá contemplar o día 30 sábado.
O sábado 30 de xullo a Banda de Escola de Música de Beade ofrecerá un certo no Campo de Arriba (ás 21.30 horas) e esa mesma xornada do 30, o Campo Maneiro (Taragoña) acollerá unha nova edición postCOVID do Festival Antrospinos. O mes rematará no Campo de Arriba de Rianxo, o domingo 31 ás 21.30 horas, co Concerto Con Fusión coa Banda da Escola de Música de Rianxo máis Piscore Teatro (XVII Ciclo de Bandas).
En agosto a festa prosegue o día 1, na praza Rafael Dieste, cun concerto de Xoan Curiel (Treides comigo) a partir das 21h. O mércores 3 de agosto (até o sábado 6) ábrese a exposición O Saxo de Miro, Alfonso Costa, en varias localizacións de Rianxo. Tamén se presentará o poemario do mesmo tiulo, de María Inés Cuadrado, coa intervención musical de Nani García (piano) e Pablo Castaño (saxo). Estas actividades abeiradas ao Noites de Jazz Festival complétanse nesta primeira semana de agosto cos concertos de Big Band (Escola de Música de Rianxo), Narci Rodríguez Cuarteto, Trixieland, Balkan Paradise Orchestra, Tano Domínguez Trio, Marian Ledesma & Tinaquero Brothers, Joseph Siankope and The Silent e Entertainers Band.
Os días 6 e 7 de agosto o Campo de Arriba acollerá a XI Festa do Mexillón de Rianxo. Días máis tarde, o día 10, o Pazo de Rianxiño albergará unha actuación do Mago Rafa, a partir das 12h, ao abeiro do Festival Galicia Ilusiona. O día 12 a Asociación Teatral Paso de Valverde representará Ultrasónica no Auditorio de Rianxo (ás 12h) e un algo máis tarde, ás 20.30h, será a quenda de Os Quinquilláns, que ofrecerán a función teatral Terra de Raíñas na praza Rafael Dieste. Ese mesmo día (12 de agosto) proxectarase o filme A galiña Turuleca no parque da Martela, ás 22.00 horas.
Ademais, entre o venres 12 e o domingo 14 celebrarase o Festival Rock In Rian en varias localizacións de Rianxo.
A actividade cultural prosegue o 13 de agosto cun concerto de piano de Adrien Gey-Galera, no Auditorio ás 21h, e o venres 19, na praza Rafael Dieste, con García MC & Nación Quilombo, a partir das 22h. O sábado 20 está previsto un concerto de Barahunda (na praza Rafael Dieste ás 22h) e o venres 26 a proxección do filme Cuñados, no parque da Martela ás 22h.
O mes rematará o 27 de agosto no Pazo de Rianxiño coa romaría familiar de remate do campamento de verán con Cé Orquestra Pantasma, A Maga Fain, 2 Ilusionistas Xenuin@s e Uxía Lambona e A Banda Mola.



