
Dicía a miña avoa que había moitas clases de persoas, as boas, as parvas, as indefinidas e as malignas. Actualmente, no noso país, hai dúas clases de cidadáns ben definidos: os que afrontan e padecen toda clase de recortes, axustes ou sacrificios e os que se corrompen co poder e viven alegremente. Uns golfos, cobizosos e con pouca vergoña que se entreteñen, buscando o seu propio interese, utilizando ás administracións públicas para o seu propio beneficio e patrimonio persoal.
Cada vez máis, necesitamos políticos valentes, honrados, capaces de loitar pola xustiza social e que estean dispostos a sacrificarse por servir á sociedade, escoitando e entendendo á xente, no canto de pensar unicamente en asignarse suculentos soldos á conta do erario público e de importantes comisións recibidas das súas empresas amigas ás que se lles asignan obras, proxectos ou xestións varias, sen concurso público. Que o poder corrompe é unha realidade e hai probas máis que suficientes e que todos coñecemos, nos nosos círculos máis próximos.
O poder dos cidadáns radica no desexo real de querer cambiar e mellorar as circunstancias coa unión dunha gran parte da sociedade. Perdendo o medo tería que estar máis de actualidade a desobediencia civil, non violenta, que poida alertar ao poder político e económico a mirar algo máis que aos seus propios intereses e entendan que non poden seguir gobernando para súbditos senón para homes e mulleres libres e con dereitos.



