O Centro Social de Cabo de Cruz acolle este mes de xullo a mostra Refachos e na que participan coñecidos pintores afincados na comunidade. A mostra pode visitarse ata finais de mes en horario de 9.00 a 13.50 horas na sala de exposicións do centro.
Esther Molinero, Jesús Pereira “Suly” e Pepa Mariño, os artistas desta mostra, son co-fundadores da extinta Asociación Galega de Arte e Cultura, e posuidores dun dilatado currículum artístico e tamén organizadores de programas e intercambios culturais e artísticos con creadores nacionais e estranxeiros.
As obras que se mostran son de pequeno e mediano formato, realizadas con óleo, acrílico e tinta, cunha variada gama cromática e diferentes estilos e tendencias. No seu conxunto, a pesar da súa diversidade, ofrecen unha harmoniosa visión poética dos temas e puntos de vista dos autores. Unha mostra cargada de enerxía, vibrante e vital, coa que os autores pretenden achegar ao público as súas emocións ao tempo de establecer un diálogo mediante a plástica.



