A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia pecha mañá mércores, 6 de xullo, o
ciclo de conferencias de arquitectura “Próximos 2022”, ideado para dar a coñecer traballos arquitectónicos próximos á demarcación colexial, ben polo emprazamento das obras ou os estudios como polo contexto sobre o que traballan. Esta edición conta co patrocinio de empresas do sector da edificación.

O arquitecto Carlos Seoane impartirá a charla “La alfombra roja”, ás 19:00 horas no salón de actos do Museo do Pobo Galego. No relatorio, o arquitecto reflexionará sobre a construción do espazo público, analizando algunha das súas obras máis premiadas como o Miradoiro da Ra en Ribeira.
Carlos Seoane (A Coruña, 1962) é arquitecto-urbanista pola Universidade de Coruña en En 1991 realizou estudos de Máster en Columbia University de Nova Iork e de posgrao na ESAD de Oporto en 1994 establecendo o seu estudio independente CSA arquitectura en 1996. Traballou con Viñoly Architects en Nova Iork entre 1992 e 1994, con Álvaro Siza en Oporto de 1994 a 1996 e con Peter Eisenman tamén en Nova Iork de 1999 ao ano 2000.
Desde 1996 é profesor na Escla de Arquitectura da Universidade de Coruña e desde 2010 director do programa internacional “COMPOSTELAs” organizado polo CA institute. Desde 2010 é director de proxectos da Fundación Compostela e desde 2014 vicepresidente da fundación RIA dedicada á promoción do patrimonio natural e construído de Galicia.

Recibiu diversos premios de arquitectura, destacando o dobre premio da XV BEAU 2020 nas categorías Arquitectura e Produto, así como o premio LLEDÓ 2018 na categoría Espazo Público, o premio FAD 2016 para a Península Ibérica na categoría Cidade e Paisaxe, así como o premio JUANA DE VEGA 2010 en Arquitectura e varios premios do Colexio de Arquitectos de Galicia nos anos 2005, 2015 e 2017.
O seu traballo foi exhibido no ano 2020 con motivo da Bienal de Arquitectura e Urbanismo Española en Valladolid e Barcelona, na “Biennale Architettura” de Venecia 2016, na Bienal Internacional de Arxentina BIAR, en Bos Aires en 2016, e na Galería Aedes en Berlín en 1992.
Publicou diversos libros, como “Souto de Moura, Metro do Porto”, 2018; “Siza by Siza”, 2015; “Museo Iberê Camargo”, 2013; “Compostelas Contemporáneas”, 2012; e “FCI, Facultad Ciencias de la Información” en 2003, ademais de colaborar con diversas revistas especializadas internacionais como “Casabella”, “A+U” e “Pasajes”.
Aínda que a conferencia é de libre acceso para calquera persoa interesada, é necesaria inscrición previa para una axeitada organización.



