Galicia prepárase para recorrer á vía xudicial na defensa da súa frota se Bruxelas decide aplicar o veto á pesca de fondo

01 Xullo 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes das principais organizacións pesqueiras de Galicia e expertos xurídicos para analizar as repercusións do veto aprobado pola Unión Europea para a pesca de fondo en determinadas áreas do litoral comunitario. Neste sentido, a titular de Mar explicou que a Xunta está a estudar en profundidade o acordo acadado e fará un seguimento exhaustivo dos pasos que dea o Executivo comunitario neste sentido co obxectivo de defender, en caso de que sexa necesario, pola vía xurídica os intereses da frota pesqueira galega afectada. 

A representante do Goberno autonómico incidiu en que a comunidade vai estudar da man do sector as consecuencias da posible entrada en vigor desa medida e as ferramentas xurídicas que ten ao seu alcance para revertela recorréndoa xudicialmente. Neste sentido, a Xunta e asociacións da frota tamén asinarán nos vindeiros días un manifesto en defensa da actividade extractiva coa que crearán unha fronte común á que convidarán a sumarse ao resto de comunidades e rexións pesqueiras da UE.  

Rosa Quintana lamentou a resolución aprobada no seo da UE e lembrou que foi validada sen maioría cualificada, con case tantos países que se abstiveron, non votaron ou votaron en contra como os que apoiaron a medida. Por iso, mostrou a súa confianza en que a Comisión Europea rectifique e inicie unha nova consulta, seria e rigorosa, entre todas as partes implicadas.

A titular de Mar asegurou que a aplicación desta medida suporía un importante prexuízo para a frota de Gran Sol e os barcos de litoral que faenan en augas comunitarias e poría en risco centos de postos de traballo. O veto ás artes de fondo en preto dun centenar de zonas de pesca, denunciou a conselleira, semella basearse en datos parciais e totalmente desactualizados e non tivo en conta outros moitos informes sobre as consecuencias desta prohibición como os aportados por Galicia.

Nesta liña, Rosa Quintana cualificou de indignante a actuación de Bruxelas nesta cuestión pois tampouco aportou ditames biolóxicos nin socioeconómicos que sustenten a súa proposta, unha falla de argumentos sólidos que, incidiu, provocou esa elevada abstención na votación.

A representante da Xunta defendeu que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e lamentou que o Executivo comunitario dea prioridade novamente ás teses medioambientalistas por enriba das aportadas polos científicos e o propio sector. Por iso, trasladou aos representantes da frota o compromiso do Goberno galego de loitar ata as últimas consecuencias na defensa dos seus intereses.

De feito, incidiu en que o sector pesqueiro galego ten perfectamente acreditado que traballa de xeito respectuoso cos recursos e que é o primeiro interesado en preservalos coa finalidade de garantir o futuro da actividade. Unha mostra dese compromiso é o feito de que a maioría dos caladoiros nos que faena a frota galega se atopan en bo estado biolóxico.

A conselleira do Mar estivo acompañada no encontro polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e nel participaron representantes de distintas organizacións de produtores pesqueiros de Galicia, da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e doutras asociacións de armadores así como da Fundación MarInnleg e do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, dependente da Universidade da Coruña.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, mantén un encontro con representantes do sector pesqueiro para analizar os plans da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo nun cento de áreas en augas comunitarias. Edificio Administrativo de San Caetano. Santiago de Compostela, 01/07/22.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...