
Comentabamos esta semana pasada a defensa que fixo en Lira (Carnota) o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, da industria marítimo-terrestre aproveitando a visita que facía nese momento á factoría de Stolt Sea Farm na devandita localidade e mencionando o labor desa industria que os mariñeiros rexeitan por consideraren que as piscifactorías como a citada de Stolt Sea Farm, en pouco ou nada contribúen á pervivencia da pesca marítima.
Puntualizaba este cronista nese artigo que cito que non fora o máis asisado facer semellante reflexión nun tempo tan trascendente para o sector pesqueiro, en boa medida deixado da man de aqueles que deberán ter máis coidado cun sector, o pesqueiro, que se está a xogar a sobrevivencia en diversas frontes: redución de caladoiros, subas inasumibles nos prezos dos combustibles, unha remuda xeracional que non se albisca, escaseza de tripulantes, etc. E, de paso, apuntaba ao diferente trato que as distintas administracións están a dar ao sector pesqueiro e ao das piscifactorías.
Pois ben, España é un dos Estados europeos con máis e mellores recursos acuáticos: case que 8.000 quilómetros de costa e 75.000 de ríos, así como 1.000 encoros e 2,.500 humedais naturais debuxan o panorama acuático de España segundo datos do Ministerio de Medio Ambiente.
As costas españolas están bañadas -como é ben coñecido- polo mar Cantábrico, o océano Atlántico e o mar Mediterráneo, amáis de contar con algúns dos ríos máis longos de Europa. Por exemplo, o Ebro, con máis de 900 quilómetros de extensión.
Non é de estranar, xa que logo, que unha actividade como a acuicultura -que non só aproveita, senon que preserva ese ecosistema- conte co apoio da FAO, que o considera o mellor xeito de alimentación do futuro. E mesmo do presente: xera 500 millóns de euros ao ano, mito menos que o total do sector estrativo.
Con prezos que se disparan en todos os sectores, arredor dun 10% superiores ao ano anterior, a acuicultura permite que milleiros de familias en toda España poñan dourada ou troita encol da mesa.
Segundo datos da Asociación Empresarial de Acuicultura Española, fai un par de anos a acuicultura produciu 307. 000 toneladas de produtos acuáticos en España, converténdose no segundo país que máis valor de producción de acuicultura xera de toda a Unión Europea, con case que 600 millóns de euros. Pero o primeiro en volume de producción en toneladas, cun 27% do total.
Deste xeito, e xunto coas costas , mares e ríos de que dispón a península Ibérica, o sector acuícola de España é un dos máis ricos do mundo xa que xera robaliza, rodaballo, dourada, corvina, mexillón, linguado, microalgas, troita arco iris ou esturión, así como anguía, atún vermello, etc.
A acuicultura é un motor económico de gran proxeción -malia non ter o poderío da pesca marítima- para España, especialmente no entorno rural, con todo o que isto implica. Xera uns 40.000 postos de traballo, entre os que figura un gran número de científicos. Os técnicos superiores supoñen un 8% do total e a muller representa un 28% do emprego (a tendenza é chegar en pouco tempo á paridade).
No que atinxe á pesca marítima, desde a entrada de España na Unión Europea en 1986, o número de barcos do sector pesqueiro español reducíuse notablemente, pasando de 13.331 no ano 2006, a 8.972 no ano 2018. A redución, obviamente, afecta ao arqueo e potencia nos distintos caladoiros e en todos os artes. O emprego directo era en 2018 de 31.475 mariñeiros, o 20,66% do emprego pesqueiro da UE, que contaba cun total de 152.331 persoas. O valor total da produción a 31 de decembro de 2017 foi de 2.147 millóns de euros.
As principais especies que pesca a frota española son atúns, bonitos e agullas. O caladoiro nacional aglutina a maior parte dos barcos da frota española e o Cantábrico-Noroeste é o que acubilla o maior número de barcos: 4.715 no ano 2018. Nos caladoiros comunitarios faenaban en 2018 un total de 106 buques españois e 23 en caladoiros internacionais; en augas internacionais e de terceiros países, 201 buques.
Como se pode comprobar, a diferenza entre ambos os sectores é ben notable; pero desde as administracións e a efectos de axudas económicas, ten máis defensas a acuicultura que a pesca marítima.



