A Casa da Cultura de Portosín acolleu este primeiro de xullo a presentación do libro Algo quedaba atrás, de Ángeles Málvarez Romero. Contouse coa presenza da propia autora acompañada de Juan Pouso, concelleiro de Cultura de Porto do Son, Pastor Rodríguez, coordinador da Asociación Cultural Barbantia, e Luis Oujo, alcalde de Porto do Son. A vertente musical do acto de presentación correu a cargo da Escola de Música de Porto do Son. Organizaron o Concello, a Asociación Cultural Barbantia e a Deputación da Coruña.

Algo quedaba atrás é unha obra artellada en miúdas pezas relacionadas entre si, definida por Pastor Rodríguez como “un canto á liberdade e unha crítica contra o convencionalismo”. De feito, un dos fíos temáticos do libro é o impulso da xente nova por romper os muros que lles impiden vivir plenamente, poñendo o foco nas dificultades que atopan no camiño. Rodríguez tamén destacou o carácter innovador da obra atendendo a diferentes planos: non só no ámbito actual da literatura galega senón no contexto da obra de Ángeles Málvarez Romero, que ten deparado ao ámbito editorial Arredor do berberecho e Anacos.
No acto, o Concello de Porto do Son entregou un exemplar do libro a cada asistente.
Ángeles Málvarez é veciña da parroquia de Boa, en Noia, e é profesora xubilada, amais de escritora.



