O Concello de Ribeira adxudicou con carácter definitivo os traballos de pavimentado, saneamento e abastecemento dun camiño en Braña do Muro, na parroquia de Aguiño. De entre as ofertas presentadas a que resultou adxudicataria foi a pertencente á empresa Transmaser Excavaciones S.L.., conforme a unha proposta económica de 118.705,94 euros.

De acordo co proxecto técnico elaborado polos servizos técnicos municipais, as obras que se van realizar abranguen a instalación dunha tubaxe de saneamento SN4 de 315 milímetros de diámetro cunha lonxitude de 175 metros polo que se conducirán as augas fecais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, onde se implantará un bombeo dende o cal impulsaranse as augas a través dunha tubaxe de polietileno de alta densidade de 175 metros de longo e 75 milímetros de diámetro ata a súa conexión á rede xeral.
En canto ás obras de abastecemento, implantarase unha tubaxe de alta densidade de 187 metros de longo e 75 milímetros de diámetro; mentres que para mellorar o tránsito de vehículos e peóns e mellorar a seguridade no camiño, proxéctase o seu aglomerado nun ancho de 6 metros.
A actuación está enmarcada no Plan POS+201 e o prazo de execución son tres meses.



