O Concello de Lousame vén de iniciar as actividades do seu programa de verán para a conciliación da vida familiar e laboral, integrado no programa Lousame Concilia. Nestas primeiras xornadas de xullo as actividades centráronse en deportes, obradoiros, xogos, xincanas e na celebración de diversos obradoiros.

Os corenta nenos e nenas, de entre 3 e 12 anos de idade, que participan nesta primeira quenda no Lousame Concilia Verán están divididos en grupos de idade para a realización das actividades. Entre as iniciativas que se desenvolven diariamente figuran os xogos tradicionais, as xincanas e actividades deportivas… así como actividades especiais como actuacións teatrais ou contacontos en igualdade.

O Lousame Concilia Verán desenvólvese de luns a venres nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, entre as 09.30 e as 14.30 horas. Este servizo está organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.



