“Vento que non move muiños”. Antón Luaces

 A inquedanza entre os mariñeiros polos efectos que na pesca e o marisco causan ou poden causar os parques eólicos a instalar, segundo todas as previsións, na costa galega, vai a máis canto máis se avanza no deseño deses mastodónticos “muíños” que, con case que total seguridade, van ubicarse na beiramar das provincias da Coruña e Lugo.

Hai como unha gran colisión entre a comprensible necesidade do recurso eólico mariño, e a indubidable dependencia que Galicia ten do mar como fonte de vida económica e social para non menos de 40.000 persoas que, directa ou indirectamente, viven do seu traballo como mariñeiros pescadores e marisqueiros.

A maior abundamento, non entenden que, vivindo do mar e pensando que a vida familiar se desenvolve en terra, estean nun sinvivir cavilando no daño que os parques eólicos van causar a amplas zonas de pesca litoral, constatando no día a día que, en favorables circunstancias de vento en terra, os aeroxeradores instalados na práctica totalidade dos montes galegos visibles desde o mar permanecen parados, nunha especie de folda de aspas paradas que, de aproveitaren a forza do vento, acadarían respostas moi beneficiosas para a econo,ía e a rendibilidade deses parques que tanto lles inquedan.

Acaso non sirven os muíños para abaratar os custes da enerxía eléctrica que xeran?. De non ser así, para que se fala do aproveitamento do vento no mar por medio dos tan publicitados parques eólicos?. Por que levan meses calados os responsables deses anunciados parques e mesmo os do Goberno central e os da Xunta en relación coas eólicas mariñas galegas?. Que hai de se curar en saúde cando se fala do alto grao de prexuizos que os aeroxeradores causan na pesca e o marisco e que tamén inciden ou poden incidir en importantes zonas de desove pesqueiro de peláxicos moi estimados no sector pesqueiro das citadas provincias da Coruña e Lugo?.

Apoiar as enerxías renovables non vai ser doado entre a xente do mar. Non hai argumentos que sirvan para exercer responsablemente ese apoio reclamado. Un aeroxerador parado é unha imaxe que, desde o mar, non convida precisamente a comprender o interese das empresas e os gobernos. Sobre todo cando, como dicía anteriormente, os muíños permanecen estáticos. É dicir, sen xerar enerxía.