
Cando se produce un sinistro ou un accidente laboral en calquera empresa é investigado, moito máis cando o resultado son vítimas mortais. Este é o caso de moitos sinistros marítimos e naufraxios que se suceden por erros humanos, neglixencias ou por incumprir as medidas de seguridade marítima ou as normas de prevención de riscos laborais.
Un dos últimos sinistros pesqueiros, no noso país, e dos máis tráxicos foi o acontecido en augas de Terranova, con 21 tripulantes falecidos. Pode ser casualidade, pero o certo é que se salvaron unicamente o patrón, o seu sobriño e un tripulante. Este asunto xa está xudicializado e por tanto serán os tribunais de xustiza os que dirimirán as responsabilidades civís e penais, se as houbese.
A pesar de todo chama a atención as contradicións nas declaracións dos sobreviventes así como a falta de empatía, sensibilidade e responsabilidade da empresa armadora para coas familias dos falecidos.
As empresas armadoras teñen que ser as primeiras en informar, asesorar e acompañar na súa dor aos familiares dos falecidos. Tamén trasladando a realidade do sucedido e de todos os dereitos que as amparan, protexen e cobren ante este tipo de sinistros marítimos.
Sabemos das relacións laborais terceiromundistas na pesca en xeral pero non podemos deixar que continúe sendo a opacidade e os intereses económicos os alicerces fundamentais das patronais. Son vidas humanas as que están en xogo, non as contas de resultados das empresas armadoras.