Rematan no Son os traballos para ampliar as marxes da estrada AC-550 entre A Arnela e Abuín

O Concello de Porto do Son vén de comunicar o remate das tarefas despregadas para optimizar a seguridade viaria no treito da estrada AC-550 comprendido entre A Arnela e Abuín. O principal problema desta estrada, segundo explicaron fontes do Consistorio, residía na existencia dunhas beiravías demasiado estreitas para garantir a seguridade de condutores e de viandantes. Os labores contaron cun orzamento de máis de 130.000 euros, dos cales 114.000 foron achegados pola Deputación da Coruña a través do Plan Único.

Foto de El Correo Gallego no que se aprecian as obras para ampliar as beirarrúas

Amais destes traballos, o Concello tamén fixo saber que están na súa recta final os labores despregados para mellorar a rúa Santa Irene, na vila de Porto do Son, financiados tamén a través do Plan Único. Neste caso trátase tamén de avanzar en seguridade e accesibilidade, mediante a habilitación dunha nova beirarrúa de formigón e granito.