Portos de Galicia avanza no proceso para abrir 26 peiraos máis á pesca recreativa mediante acordo cos concellos

Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución de Portos de Galicia pola que se modifica a normativa reguladora da pesca recreativa en superficie nos peiraos de titularidade autonómica permitindo ampliar tramos e horarios para esta actividade en catro portos e avanzando no proceso para facelo noutros 26 mediante acordo cos concellos.

O texto, que entra en vigor mañá, recolle cambios na normativa aprobada o pasado verán atendendo ás alegacións e solicitudes recibidas así como á experiencia acumulada nos meses que leva en vigor. Deste xeito o ente público avanza na regulación que en agosto de 2021 permitiu levantar total ou parcialmente a prohibición da práctica da pesca recreativa en superficie que rexía desde os anos 70 en todos os portos. A finalidade é dar garantías aos pescadores recreativos regularizando a actividade.

Tralas alegacións recibidas por parte dos afeccionados, colectivos e institucións ao respecto da posta en práctica da normativa, Portos de Galicia establece nesta resolución as condicións para habilitar máis espazos dentro do terreo portuario nos que se poida desenvolver esta práctica. Todas as modificacións son froito dunha profunda análise da compatibilidade desta actividade coas portuarias e sempre procurando previr posibles accidentes que, en ocasións, están vencellados con actuacións alleas ao eido portuario.

Portos de Galicia propón ampliar as zonas autorizadas para a práctica da pesca recreativa ou os horarios en 30 portos. Destes, amplíanse xa os espazos permitidos -sen outros requisitos- en catro peiraos: Aguete, Combarro, Portocubelo e Ribeira. Nos 26 restantes a apertura das novas zonas queda condicionada á colaboración dos Concellos para o auxilio e control desta actividade, estritamente de ocio veciñal e allea por completo á actividade portuaria.  

Nestas condicións atópanse os portos da Pobra do Caramiñal, Aguiño, Bueu, Burela, Cabo de Cruz, Caión, Camariñas, Camelle, Cariño, Castiñeiras, Corrubedo, Escarabote, Malpica, Moaña, Muros, O Xufre, Palmeira, Portosín, Porto do Son, Rianxo, Ribadeo, Sada, San Cibrao, Santa Cristina, Tragove e Viveiro.

Mentres, e en base a criterios técnicos e de operatividade dos portos, non é posible ampliar as zonas autorizadas para a pesca recreativa en 10 portos sobre os que se recibiron alegacións: Aldán, Baiona, Beluso, Bodión, Carril, O Vicedo, Raxó, Sanxenxo, Vilanova e Vilaxóan.

Os planos de cada porto coa delimitación das zonas son dinámicos e susceptibles de sufrir modificacións e poden consultarse na páxina web de Portos de Galicia, na que se irá actualizando a situación de cada porto atendendo a cuestións como a posible colaboración das administracións locais.

Acompañamento de menores

Ademais da inclusión de posibles zonas tralo acordo cos concellos e que estarían suxeitas a limitacións particulares temporais, a nova resolución recolle outros cambios de carácter xeral. Así, contémplase expresamente a posibilidade de acompañamento de menores  de 16 anos baixo a responsabilidade dun adulto, a posibilidade de tramitación individual do permiso ás persoas entre 16 e 18 anos e redúcese a distancia mínima entre pescadores de 5 a 3 metros. Tamén se modifica a redacción do apartado relativo á cobertura da póliza de seguros co obxecto de clarificar as obrigas neste aspecto.