Os obradoiros Móvete regresan á Pobra para favorece-la conciliación durante o verán

Un ano máis, o Concello da Pobra do Caramiñal achega a opción de conciliar durante a tempada
estival cos obradoiros Móvete. Esta facilidade que se lles brinda ás familias terá como epicentro o CEP Salustiano Rey Eiras con monitorado titulado e transcorrerá do día 23 de xuño ao 7 de setembro coincidindo coas vacacións do verán dos/as escolares con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra); e a coordinadora dos Deportes, Ana Romero, explicaron que este programa ten como obxectivos, ademais de favorece- la conciliación, o fomento dos valores da convivencia e autoestima, a mellora das habilidades motrices básicas, contribuír ao desenvolvemento dunha autonomía persoal e o establecemento de relacións de compañeirismo e amizade. Todo isto seguindo unha metodoloxía de
traballo activa, con vivencias lúdico-recreativas propias desta tempada e adaptadas a cada rango de idade.
Haberá catro quendas: a primeira será do día 23 ata 30 de xuño, por un importe de 15 euros, con 50 prazas; a segunda correspóndese con xullo, por 60 euros, con 130 prazas; a terceira, con agosto, por 60 euros, con 130 prazas; e a cuarta, co período comprendido dende o día 1 ata 7 de setembro, por 15 euros, con 50 prazas. Aplicarase un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a. O horario establecido é de luns a venres, dende as 09.00 ata as 14.00 horas, con posibilidade de entrar ás 10.00 horas.
Esta prestación compleméntase co Servizo de Madruga (con diferentes prezos dependendo de se o/a neno/a entra a partir das 07.30 ou das 08.00 horas) e o comedor de 14.00 a 16.00 horas.

A data límite para se matricular na primeira quenda remata no 21 de xuño e as inscricións formalizaranse na oficina dos Deportes do Concello, situada na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, cos
teléfonos de contacto 981832590 e 981831545.