A décima edición do Festival Atlántica programa na zonas do Barbanza e Arousa case unha ducia de espectáculos gratuítos que abranguen todos os públicos. O certame, posíbel grazas ao financiamento da Xunta e da Deputación da Coruña, ao que se suma a colaboración dos concellos de Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Boiro, contará coa participación de narradores de Colombia, Portugal, Valencia, Marrocos e, por suposto, Galicia.

A actividade comezará en Outes este xoves 30 de xuño cun programa dobre da narradora galega María da Pontragha que incluirá o espectáculo infantil Un saco de contos e o de adultos Donas do lugar. Ambas as dúas funcións serán na praia de Broña ás 18:30 e as 20:30 horas, respectivamente. A seguinte cita do Festival Atlántica en Outes será o sábado 2 de xullo e estará protagonizado polas Yayerías do artista valenciano Félix Albo. Esta función concibida para público adulto será en Pontenafonso ás 21:30 horas.
Pola súa banda, A Pobra do Caramiñal vai acoller tres espectáculos. O primeiro deles será o sábado 2 de xullo na Alameda e xuntará á portuguesa Sofia Maul e á galega Charo Pita en Dragoeiros e biosbardos (21 horas, público infantil e familiar). A seguinte semana, o mércores 6 de xullo, o galego Celso F. Sanmartín tomará A Portela para debullar as historias de Catro aves escollidas son as que cruzan o mar (21 horas, público adulto). O sábado, 9 de xullo, será a colombiana Carolina Rueda quen ocupe o Adro do Castelo para compartir cos adultos os seus Contos e sucedidos (21:30 horas)
No que respecta a Ribeira, a primeira función será o domingo, 3 de xullo, ás 21:30 horas, no Lavadoiro de Penisqueira. Alí estarán as galegas Vero Rilo e Sonsoles Penadique dando vida ás Lavandeiras, unha montaxe para adultos. Haberá que esperar ao mércores, 6 de xullo, para que recalen en Ribeira os Músicos e contos da patera do galego Anxo Moure e dos marroquís Ayoub Kamouni e Aziz Belmajdoub (Praza do Concello, 21:30 horas, público adulto). Atlántica pechará a súa actividade en Ribeira cos galegos Santi Prego e Jorge de Arcos e O teatro máis pequeno do mundo (Lavadoiro de Artes, 21:30 horas, adultos).
No concello de Boiro estará María da Pontragha o xoves 7 de xullo con Donas do lugar e nun enclave moi especial: o Centro Arqueolóxico do Barbanza-Castro de Neixón (21:30 horas, público adulto). Ao día seguinte, venres 8 de xullo, será Félix Albo e as súas Yayerías as que fagan gozar ao público adulto no Pazo da Torre de Goiáns (21:30 horas).
Contos por toda Galicia
Mais Atlántica tamén vai desenvolver actividade noutros lugares espallados polas catro provincias galegas. Deste xeito, nesta edición tamén haberá actuacións nas localidades de Santiago de Compostela, Teo, Padrón, Alfoz, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas, Ferrol e Mugardos ademais de Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Boiro. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de “ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista”. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia.



