O Trofeo Ramiro Carregal abre a tempada de cruceiros no Club Náutico Deportivo de Ribeira

Juan Caballero.- A XXI Regata FRINSA – Trofeo Ramiro Carregal Rey retoma con toda a súa vitalidade o formato máis tradicional da emblemática cita da comarca do Barbanza, cos catamaráns de invitados que acompañarán na xornada do 25 de xuño aos veleiros participantes.

Presentada na mañá deste venres 17 de xuño na biblioteca do Club Náutico e Deportivo de Ribeira, entidade convocante e organizadora, contou coa presenza do seu presidente e anfitrión, José Luis Torres Colomer, acompañado de Ramiro Carregal Rey, presidente de honra do club, así como de José Luís Lomba, José Díaz e Justo Arevalillo, membros da xunta directiva.

“Esta regata que eu creei por ser o fundador e o primeiro presidente do Club Náutico Deportivo de Ribeira, naceu na illa de Sálvora que eu administrei durante 41 anos, ata que foi expropiada polo Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas”, explicaba Carregal, engadindo que “tradicionalmente á saída dos regatistas saen os catamaráns cos convidados para que poidan presenciar o percorrido da regata, e aproveitamos o traxecto para degustar as famosas conservas FRINSA. Ao terminar servirase un xantar mariñeiro na carpa situada no peirao do Náutico”, terminaba dicindo o presidente de honra.

A XXI Regata FRINSA – Trofeo Presidente Ramiro Carregal Rey é unha regata de cruceiros destinada á clase ORC, que se celebrará en augas da ria de Arousa o día 25 de xuño de 2022 e ten categoría autonómica. O seu trazado é costeiro e os rumbos decidiranse na mesma xornada en función da compoñente meteorolóxica e o estado da mar.

O evento está organizado polo Club Náutico Deportivo de Ribeira, a Real Federación Galega de Vela, a Secretaría Xeral para ou Deporte da Xunta de Galicia e a Fundación Deporte Galego co patrocinio do Grupo Empresarial FRINSA do Noroeste S.A.

Como novidade e debido á celebración neste 2022 do 50ª Aniversario da creación do CNDR, créase o Circuíto 50ª Aniversario CNDR, conformado por todas as regatas de cruceiro que organice o club durante a presente tempada.