O simulacro de loita contra a contaminación de Sálvora contou coa colaboración dunha manchea de administracións

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana participaron este mércores 15 de xuño nun simulacro de loita contra a contaminación mariña na illa de Sálvora, que se realizou para poñer a proba a resposta a unha situación de emerxencia desta índole e reforzar a coordinación dos distintos medios autonómicos e do Estado. De feito, o simulacro foi organizado por unha manchea de entidades: Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Ministerio do Interior, Consellería do Mar (Xunta de Galicia), Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, Concello de Ribeira e Cruz Vermella.

Segundo fixo saber a subdelegada, “colaboramos neste ensaio porque é moi importante estar coordinados e ter preparada a resposta dos medios para o caso de que se produza unha emerxencia deste tipo, que oxalá non teña lugar”.

Pola súa banda, Rosa Quintana puxo de relevo a importancia da prevención e a preparación fronte a episodios de contaminación mariña e de contar con instrumentos específicos para zonas de alto nivel de protección ambiental como o plan de continxencias das Illas Atlánticas de Galicia. Ademais a conselleira subliñou a utilidade deste tipo de exercicios para mellorar a planificación e as operacións de emerxencia ante episodios de contaminación mariña.

No exercicio simulouse un episodio de contaminación que se produce tras localizarse unha mancha oleaxinosa na entrada da ría de Arousa, concretamente entre a costa do municipio de Ribeira e a illa da Rúa derivando cara á illa de Sálvora.

Dado que se simulou a activación conxunta do Plan Marítimo Nacional e o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (Plan CAMGAL), constituíuse o órgano de coordinación que establece o Sistema Nacional de Resposta, formado pola Administración do Estado e por representantes da Xunta de Galicia.

Como consecuencia da gravidade do accidente, lévase a cabo a activación simulada do Plan Estatal de Protección da Ribeira do Mar (Plan Ribeira) mobilizándose os medios de resposta que o MITECO dispón na base de actuación rápida máis próxima, situada en Caldas de Reis (Pontevedra).

Segundo explicou a Delegación do Goberno en Galicia, o exercicio contou cunha importante participación de institucións no marco do Sistema Nacional de Resposta. Interviñeron máis de 160 persoas e mobilizáronse distintos medios de resposta.

No mar, mobilizouse a embarcación patrulleira Río Xallas do Servizo Marítimo da Garda Civil. Tamén o remolcador de salvamento e apoio Sebastián de Ocampo e a embarcación auxiliar Punta Roncadoira, ambos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, así como a embarcación LS Mar Laredo de Cruz Vermella e unha embarcación do Parque Nacional MarítimoTerrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Como medios aéreos, neste exercicio contouse co avión SASEMAR 102 do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana e con dous drons como unidades de apoio, mobilizados desde a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e desde o MITECO.

Utilizouse ademais o sistema de predición de derivas e o visor do Plan CAMGAL da Xunta de Galicia, unha ferramenta web para a elaboración do informe de contaminación (POLREP) e lanzouse desde o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) unha boia de deriva para simular a posible evolución dunha vertedura.

Na praia de Sálvora despregáronse diversos medios de loita contra a contaminación en mar e costa (barreiras cilíndricas, material de recollida, tanques de almacenamento, etc.) do MITECO.

Dispúxose así mesmo dun hospital de campaña para atención de fauna petroleada da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta, que incluíu unha maqueta de golfiño, toallas e padiola especializada, caixa de vimbia para o traslado de lobos mariños, baldes para o traslado de tartarugas e caixa de primeiros auxilios da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).