O Noia Harp Fest achega na súa nova edición un obradoiro familiar de construción de arpa

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, dirixido por Rodrigo Romaní, abrirá o vindeiro luns, 6 de xuño, o prazo de inscrición para participar nos obradoiros que conformarán a programación paralela do evento musical, que se celebrará do 3 ao 7 de agosto na localidade coruñesa. Ademais das habituais clases maxistrais con artistas que participan no festival, este ano Noia Harp Fest propón un singular obradoiro familiar: a construción da arpa de San Martiño de Noia.

Compressed by jpeg-recompress

Este obradoiro, sen límite de idade, lanza un convite ás persoas asistentes para montar e personalizar a súa propia arpa, baseada no instrumento central da arquivolta do pórtico de San Martiño de Noia. O luthier Luis Martíns (especialista en arpas antigas e barrocas, responsábel da recreación dos instrumentos da arquivolta do templo) será quen imparta este curso, no que, segundo a organización do festival, “empregaranse técnicas e materiais actuais”, permitindo que o público aprenda a construír e montar unha arpa moi lixeira e compacta, “ideal como instrumento de iniciación e tamén de viaxe”.

O obradoiro celebrarase entre os días 4 e 6 de agosto, con tres sesións de tres horas de duración cada unha, e está aberto a todas as idades, porén as e os menores de 10 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta. O instrumento chegará prefabricado ás mans das e dos asistentes, de xeito que estes poderán escoller entre diferentes pinturas de cores ou acabados para personalizar a súa arpa. Por certo que os acabados serán ecolóxicos e non empregarán disolventes.

Para poder participar no curso, ao que se recomenda asistir cun mandil ou roupa vella “que se poida manchar sen problema”, será necesario realizar a inscrición previa a partir do luns 6 de xuño na páxina web do festival. As prazas do obradoiro son limitadas e para formalizar a inscrición será necesario abonar o prezo (360 euros) antes do 5 de xullo.

Obradoiros con reputados arpistas

Ademais deste obradoiro familiar, o Noia Harp Fest ofrecerá novamente a posibilidade de participar en obradoiros e clases maxistrais con arpistas sobranceiros deste instrumento e que participarán na nova edición do evento. É o caso de Reyes Gómez, Juanjo Corbalán e Savourna Stevenson, intérpretes que impartirán aulas da Igrexa de Santa María A Nova nas mañás dos días 4, 5 e 6 de agosto en horario de 11.30 a 13.00 horas.

O primeiro taller chegará o xoves 4 de agosto da man de Reyes Gómez, arpista do Trío Clepsida (cuxa actuación terá lugar no Coliseo Noela esa mesma tarde), no que se abordará a Música española para arpa. Ao día seguinte será a quenda do curso El arpa paraguaya actual con Corbalán, un dos membros do recoñecido dúo Hermanos Corbalán, que actuarán na noite do venres 5 na praza do Tapal. Finalmente, o 6 de agosto chegará o taller doutro dos pratos fortes desta edición do Noia Harp Fest: Savourna Stvenson, quen impartirá o obradoiro Música para clarsach, unha arpa escocesa. Será un pequeno adianto do que o público poderá gozar o propio sábado 6, ás 22.00 horas, tamén no escenario do Tapal.

A inscrición nos obradoiros, nos que poderán participar un máximo de 12 persoas por sesión, abrirase tamén o 6 de xuño na web www.noiaharpfest.gal/workshops2022. O prezo de cada taller será de 15 euros e o prazo para remitir as solicitudes estará aberto até o 26 de xullo.